O DOG oficializa a acreditación do Campus Auga de Ourense como campus especializado en temáticas de auga e alimentación

Convértese no terceiro campus en acadar este recoñecemento, logo do Campus Industrial de Ferrol e do Campus Terra de Lugo

A Xunta asinará un convenio coa Universidade de Vigo para desenvolver o seu plan estratéxico, coa correspondente partida orzamentaria

Xov, 08/02/2024 - 15:14
c

Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución pola cal se oficializa a acreditación do Campus Auga de Ourense, da Universidade de Vigo, como campus de especialización do Sistema Universitario de Galicia (SUG) centrado en actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga e alimentación.

Esta resolución faise pública logo de acadar o informe favorable por parte do comité de avaliación e, deste xeito, convértese no terceiro campus en acadar este recoñecemento que xa ostentan o Campus Industrial de Ferrol e o Campus Terra de Lugo.

A acreditación, que estará vixente por un período de tres anos, implica a elaboración dun plan estratéxico para o fortalecemento de aspectos como a docencia e a investigación, para o desenvolvemento do cal a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación FP e Universidades, asinará un convenio de colaboración coa Universidade de Vigo, cunha dotación orzamentaria que se estima que superará os 3M€.

Así pois, o plan estratéxico convértese na folla de ruta para que o Campus Auga de Ourense camiñe na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional; e na internacionalización da investigación multidisciplicar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos.

Reforzo oferta académica

Precisamente un dos eixos fundamentais da especialización é a potenciación da oferta académica coa posta en marcha de dobres graos como Enxeñaría Agraria e Ciencia e tecnoloxía de Alimentos, Enxeñaría Agraria e Ciencias Ambientais ou Enxeñaría Agraria e Sensórica; o impulso dos másteres en Viticultura e Enoloxía, de Hidroloxía-Termalismo e de Economía circular; a posta en marcha de titulacións sobre Sensórica e a transformación tecnolóxica dos sectores agrícola e alimentario.

Así mesmo, o Campus deberá poñer en marcha accións encamiñadas á captación de talento, á potenciación da empregabilidade dos seus egresados, á promoción da internacionalización das titulacións e ao fortalecemento das infraestruturas de investigación.