Unha delegación do Goberno de Canarias visita Galicia para coñecer o seu modelo de ensino rural

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades acompaña ao grupo nunha visita ao CRA de Valga para amosar o seu funcionamento

Mér, 07/02/2024 - 12:21
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e o alcalde de Valga, José María Bello Maneiro, visitaron esta mañá o Colexio Rural Agrupado CRA de Valga acompañados por unha delegación da Consellería de Educación do Goberno de Canarias, que se desprazou a Galicia para coñecer o modelo do ensino rural galego.

A delegación canaria, encabezada pola directora xeral de Administración de Centros, Escolarización e Servizos Complementarios, Carolina León, puido comprobar de primeira a organización deste tipo de centros, constituídos por varias escolas unitarias, unha das cales exerce como sede principal e centro administrativo e de xestión e punto de encontro de toda a comunidade escolar do conxunto que conforma o Colexio Rural Agrupado.  

O CRA de Valga está constituído por seis escolas unitarias que aglutinan un total de 89 alumnos. A sede principal é a Escola de Campaña, onde a delegación canaria coñeceu o proxecto educativo que se leva a cabo, caracterizado pola colaboración e a dinamización de accións entre o conxunto das aulas que a conforman.  

Precisamente unha das vantaxes deste tipo de agrupamentos é que posibilita unha acción educativa coordinada, cun plan de centro e unha programación común; dinamiza a comunicación entre aulas, etapas e niveis educativos, e facilita a tarefa de coordinación, superando o illamento da escola unitaria independente. Así mesmo, favorece a optimización dos recursos materiais e humanos, incrementando a implicación do profesorado en proxectos de innovación e de formación, entre outros.

 A visita ao Centro Rural Agrupado de Valga é a primeira parada desta xira da delegación educativa canaria por Galicia, xa que mañá visitarán tamén os de Vilaboa e de Ribadavia.