A directora xeral de FP visita o Instituto de Pontepedriña, en Santiago, para explorar o impulso da oferta dual neste centro o vindeiro curso

Eugenia Pérez subliña “a grande demanda” dos ciclos vinculados ao ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, onde este centro é un referente

Mar, 06/02/2024 - 13:46
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, visitou esta mañá o Instituto IES Pontepedriña, en Santiago de Compostela, para analizar co equipo directivo do centro as posibilidades de impulso da oferta formativa na modalidade dual de cara ao vindeiro curso escolar, sobre todo no ámbito comercial, de xestión de vendas e de loxística, entre outros, cunha grande demanda por parte do tecido produtivo.  

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importante aposta pola Formación Profesional que está desenvolvendo o IES de Pontepedriña, especialmente no eido comercial, “onde está consolidado como un referente no sur da provincia da Coruña”.

Así pois, este encontro enmárcase no reforzo destas ensinanzas profesionais por parte da Xunta para atender a demanda que veñen manifestando as empresas do sector de contar con persoal con formación especializada para desempeñar postos de carácter estratéxico nas firmas. De feito, a taxa de inserción laboral do alumnado que realiza ensinanzas no ámbito do Comercio e do márketing é do 87,3 %, porcentaxe que se incrementa na modalidade de FP dual.

No presente curso escolar, o IES Pontepedriña oferta dez ciclos formativos, tanto de grao básico como medio e superior. Ademais, imparte en modalidade dual os ciclos superiores de Transporte e loxística e de Xestión de vendas e espazos comerciais, e o ciclo de grao medio de Comercialización de produtos alimentarios, todos eles en colaboración con importantes empresas como Leroy Merlin, Detacargo, Lidl, Sprinter, Carrefour, Ignacio de las Cuevas, Pérez Rumbao, El Corte Inglés, Gadisa e Coren, entre outras.