A Xunta convoca os Premios fin de carreira para estudantes das universidades galegas

O obxectivo é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación do alumnado que remata os estudos universitarios cunha excelente traxectoria académica

O prazo de solicitude está aberto ata o 29 de febreiro

Dom, 04/02/2024 - 13:27
e

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia a convocatoria dos Premios fin de carreira para o alumnado que rematou os seus estudos universitarios no ano 2023 en Galicia. O obxectivo é recoñecer o esforzo, traballo e dedicación dos estudantes cunha excelente traxectoria académica.

A Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades destina a esta convocatoria un orzamento de 395.500€. Cada un dos galardoados acadará un premio de ata un máximo de 3500€ e un diploma acreditativo, o que supón un recoñecemento institucional e un valor engadido para o seu currículo.

Poderá solicitar estes premios o alumnado que rematase a carreira no curso 2022/23 e cursase de forma íntegra os estudos da titulación do Sistema Universitario de Galicia pola que opta ao premio, e que teña acadado unha puntuación media no seu expediente académico igual ou superior a 8,5 puntos para o alumnado das ramas de coñecemento de Artes e Humanidades, Ciencias Sociais e Xurídicas, Ciencias e Ciencias da Saúde, e a 7,5 puntos para o alumnado da rama de Enxeñaría e Arquitectura.

O número de premios virá determinado polo número de persoas egresadas na mesma titulación. Así, aquelas titulacións con ata 99 persoas egresadas optarán a un premio; entre 100 e 199 persoas, a dous premios; as que teñan entre 200 e 299, a tres e as que conten con entre 300 e 399, a catro. As titulacións que teñan entre 400 e 499 persoas egresadas optarán a cinco premios, e as de máis de 500 persoas egresadas poderán optar a seis. O número de persoas egresadas en cada titulación estará verificado pola certificación emitida polos servizos administrativos das universidades.

O prazo de solicitude está aberto ata o 29 de febreiro e presentaranse obrigatoriamente por medios dixitais a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.