A directora xeral de Innovación Educativa da Xunta interésase polo funcionamento do programa Escolas de fronteira nos colexios públicos de Xinzo

O obxectivo da iniciativa é promover as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal

Ven, 02/02/2024 - 14:19
x

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, desprazouse hoxe a Xinzo de Limia para coñecer de primeira man o funcionamento do novo programa Escolas de fronteira que desenvolven os colexios CEIP Rosalía de Castro e Carlos Casares, a través do que a Xunta de promove as competencias bilingües e interculturais entre centros, docentes e alumnos de Galicia e Portugal.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades visitou o Colexio Rosalía de Castro, onde felicitou á comunidade educativa tanto deste centro coma do Colexio Carlos Casares, representado polo seu equipo directivo, polo seu traballo e destacou as accións desenvolvidas para estreitar o vínculo co país veciño.

O Rosalía de Castro e o Carlos Casares son dous dos seis centros educativos galegos que este curso participan nesta nova iniciativa, a través da que se organizan actividades interdisciplinarias que engloban as realidades de ambos os países e, en particular, o territorio fronteirizo no que se atopan as escolas. Ao remate do curso, cada centro participante realizará un proxecto en conxunto co seu centro espello portugués e promoverase a creación e intercambio de recursos pedagóxicos.