Rueda avanza que Galicia será a primeira comunidade cun marco normativo para garantir a propiedade intelectual e industrial dos proxectos xurdidos na FP

Unha lexislación propia blindará que os resultados de investigación e innovación realizada por alumnado e profesorado revertan no sistema educativo

Salientou que cada vez hai “máis creacións ou actividades” dos centros que derivan en produtos que “poden ter utilidade comercial” e cómpre protexer a nivel industrial

Explicou que Centro Galego de Innovación da FP “será o encargado da xestión” integral destes resultados e a súa axeitada protección

Este centro asumirá os custes de solicitar patentes ou protección para deseños industriais, marcas ou nomes comerciais

Xov, 01/02/2024 - 15:56
f

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que a Xunta vai desenvolver un marco normativo para regular a protección dos dereitos de propiedade intelectual e industrial xurdidos na Formación Profesional galega. “Galicia vai ser a primeira comunidade” en contar cunha regulación neste eido, resaltou.

Trátase dun paso esencial para blindar que os resultados de investigación e innovación aplicada xurdidos do traballo do alumnado dos centros educativos de Formación Profesional revertan no sistema educativo. Deste marco regulador tamén se vai beneficiar o profesorado e as empresas e entidades que prestan a súa colaboración nos distintos ciclos de Formación Profesional.

O presidente salientou que “cada vez son máis” as creacións ou as actividades dos centros de FP que derivan en produtos “que poden ter unha utilidade comercial” e que cómpre garantir a súa protección intelectual e industrial.

A regulación abrangue os títulos de propiedade intelectual e industrial, as patentes, os modelos de utilidade, deseños industriais, marcas, nomes comerciais, nomes de dominio, segredos industriais e programas informáticos entre outros.

Tal e como explicou Rueda, establécese que “o Centro Galego de Innovación da FP” será o encargado “da xestión” integral dos resultados da investigación é a innovación que realicen os alumnos e profesores para garantir a súa protección.

Un procedemento en catro pasos

Para acadar esta protección, a Consellería de Educación establecerá un procedemento de xestión que inclúe catro pasos que son a comunicación, avaliación e protección dos resultados e o mantemento da protección.

O presidente indicou que, en primeiro lugar, as persoas inventoras, en coordinación coa dirección do centro, comunicarán ao Centro Galego de Innovación da FP a obtención dos resultados de innovación susceptibles de seren protexidos. A partir de aí entra a segunda fase, de avaliación dos resultados, no decurso da cal este centro valorará o seu impacto “e decidirá se procede a súa protección en función da calidade e características”, priorizando o impacto no mundo rural e a redución da fenda de xénero.

Na terceira fase, de protección dos resultados, o Centro Galego de Innovación da FP asumirá os custos derivados de solicitar a protección e o seu mantemento a nivel nacional, que se poderá estender a nivel internacional no caso de ter a suficiente relevancia. E, por último, tal e como indicou Rueda, haberá unha avaliación cada dous anos “para revisar” se cómpre manter esta protección.  

Paralelamente, levaranse a cabo distintas actividades de promoción e difusión da propiedade intelectual e industrial para dar a coñecer a carteira de patentes e modelos de utilidade entre o ecosistema da Formación Profesional galega. O obxectivo último é maximizar a transferencia de I+D+i e a creación de novas empresas de base tecnolóxica industrial.

Estratexia de FP e Plan Innova FP

Esta iniciativa enmárcase no desenvolvemento da Estratexia de FP Galicia 2030, ao abeiro da cal se puxo en marcha o Plan Innova FP Galicia para o impulso de liñas de actuación que avancen na innovación, investigación aplicada e no emprendemento tecnolóxico e industrial na Formación Profesional galega.

A este reto tamén responde o Programa InnovaTech FP, no que alumnado dos diferentes ciclos formativos deberá afrontar dez desafíos tecnolóxicos propostos por empresas, e cuxas solucións deberán xerar un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural.

As solucións seleccionadas incorporaranse á área de emprendemento industrial do Centro Galego de Innovación da FP, onde contarán cos medios dispoñibles para a súa incubación e aceleración, podendo derivar na creación de empresas innovadoras e de base tecnolóxica.