A Xunta e a Fundación Naturgy renovan a súa colaboración para reforzar a formación do alumnado de FP no eido da transición enerxética

O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e a directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, asinan unha addenda ao convenio

“Reforzamos o xa estreito vencello entre o mundo académico e o empresarial, que é un dos selos distintivos e de calidade da nosa FP”, salienta Román Rodríguez

“Queremos contribuír á mellora da empregabilidade no sector e cremos que as alianzas coas administracións educativas son clave“, di a representante de Naturgy

Mér, 31/01/2024 - 14:06
n

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a directora xeral da Fundación Naturgy, María Eugenia Coronado, asinaron hoxe unha addenda ao convenio de colaboración con Naturgy para a colaboración no eido do sector enerxético na FP. O obxectivo é mellorar a empregabilidade dos mozos no eido da transición enerxética.

O titular do departamento educativo da Xunta destacou a importancia de consolidar esta colaboración “que posibilita que o alumnado da FP galega acceda aos coñecementos máis actualizados en sectores que son punteiros e que ofrecen constantemente novas oportunidades laborais”. “Deste xeito, reforzamos o xa estreito vencello entre o mundo académico e o empresarial, que é un dos selos distintivos e de calidade da nosa Formación Profesional”, salientou Román Rodríguez.

Pola súa banda, a representante de Naturgy destacou a importancia de consolidar colaboracións coa administración educativa para seguir impulsando e ampliando o Programa de FP para a empregabilidade. “Desde Fundación Naturgy, queremos contribuír á mellora da empregabilidade no sector enerxético, e cremos que as alianzas coas administracións educativas son clave para conseguir o noso obxectivo”.

Formación para alumnos e docentes

O acordo inclúe o desenvolvemento do Programa de FP para a empregabilidade da Fundación Naturgy, que este curso se imparte nunha ducia de centros de Galicia que imparten ciclos de FP relacionados con estes sectores, entre eles o Centro Integrado de FP Politécnico de Santiago, onde se asinou o acordo. Nos seus oito módulos inclúese formación sobre mobilidade sostible, a rehabilitación e edificación sustentable, os gases renovables, a dixitalización de redes eléctricas, o asesoramento enerxético en contornas vulnerables ou o mantemento dos parques eólicos, entre outros.

Ademais deste plan, o convenio inclúe tamén o impulso da FP Dual e da realización de formación en centros de traballo para mellorar as competencias do alumnado de ciclos formativos. Así mesmo, promoveranse actuacións conxuntas para o desenvolvemento de proxectos de innovación nos centros educativos de FP.

Naturgy continuará colaborando tamén nas olimpíadas galegas da FP Galiciaskills e nas acción fomento do emprendemento no marco da FP, cun programa de visitas de alumnado á Fundación e empresas do sector.

No que atinxe ao profesorado, desenvolveranse accións para a formación e actualización do profesorado como a organización de seminarios ou cursos sobre o sector enerxético, co apoio técnico e loxístico de Naturgy.