A directora xeral de FP destaca o CIFP Ferrolterra como un referente nas ensinanzas da modalidade dual

Eugenia Pérez participa na apertura das XVIII Xornadas de Ensino Empresa, onde pon de relevancia o labor deste centro en prol da empregabilidade do seu alumnado

Lun, 29/01/2024 - 15:13
f

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, participou hoxe na apertura das XVIII Xornadas de Ensino Empresa, organizadas polo Centro Integrado de FP Ferrolterra. A actividade conta coa participación de ata 28 empresas, docentes, profesionais e emprendedores da comarca.

A representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou o traballo do CIFP Ferrolterra en prol da empregabilidade dos seus alumnos. “Non só a través destas xornadas, senón no día a día, aconsellando aos seus estudantes, implicándose en case todas as iniciativas que se impulsan nestas ensinanzas, como a FP Dual”, destacou. “O Ferrolterra é un centro referente en Galicia, de feito esta modalidade supón case ao 30% de grupos ofertados no centro, con previsión de crecemento para o próximo curso, diante da importante demanda de profesionais do ámbito industrial”, salientou a directora xeral.

As xornadas desenvolveranse ata o vindeiro venres e no seu marco relatorios e actividades para compartir impresións, oportunidades de emprendemento, orientación laboral e coñecementos de actualidade entre os estudantes e o mundo empresarial e produtivo. Entre outras habilidades, ensinarase aos alumnos a enfrontar unha entrevista de traballo ou como sacar adiante con éxito unha iniciativa emprendedora.