Cultura e Educación blinda o investimento en I+D+i a través das bases reguladoras das axudas á consolidación de unidades de investigación nas universidades galegas

O departamento dirixido por Xesús Vázquez Abad vén de publicar estas bases, que dan permanencia e seguridade ás convocatorias e aos criterios para a concesión das axudas aos grupos de investigación do Sistema Universitario de Galicia

Fíxanse 4 convocatorias de axudas que, xunto á de Proxectos de Investigadores Emerxentes, supoñen o despregamento do Plan I2c no referente á investigación universitaria

Ao abeiro deste documento de base, as convocatorias poderán publicarse ata 3 meses antes do que se facía ata o momento

Dom, 04/03/2012 - 10:00

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar as bases reguladoras do Programa de Consolidación e Estruturación de Unidades de Investigación do Sistema Universitario de Galicia (SUG), nas que se define o modelo de financiamento para os grupos de investigación do SUG nos anos vindeiros. Desta forma a Consellería amosa, unha vez máis, o seu apoio firme e decidido á investigación nas universidades galegas como base para o desenvolvemento dun sistema universitario caracterizado pola excelencia e a competitividade. Non en balde as bases supoñen dar permanencia e seguridade ás convocatorias e aos criterios  para a concesión destas axudas, co que se blinda o apoio da Consellería á I+D+i no ámbito dos grupos de investigación.

Neste sentido cómpre salientar que estas bases establecen un marco de financiamento estrutural e continuado para os grupos, condicionado a criterios de calidade, e non fragmentado e vinculado á acumulación de proxectos como o que existía ata o momento. Por outra banda foméntase a integración dos grupos de investigación en estruturas organizativas de ámbito superior ao grupo, tales como redes, agrupacións estratéxicas ou institutos universitarios; unha vez constatado que a pertenza a este tipo de entidades favorece o acceso ao coñecemento interdisciplinar e a fontes de financiamento.

Trátase de recoñecer e promover a I+D+i como un elemento esencial para a xeración de novo coñecemento, establecendo un marco estable de financiamento das estruturas de investigación universitarias, e así respaldar e promocionar os grupos consolidados das universidades galegas. De feito está previsto que, ao abeiro destas bases, as convocatorias poidan publicarse ata 3 meses antes do que se viña facendo.

As bases fixan ademais 4 convocatorias de axudas que, xunto ás destinadas aos Proxectos de Investigadores Emerxentes, supoñen o despregamento do Plan I2c no referente á investigación universitaria.

Modalidades de axuda

As bases recollen catro modalidades de axuda, tres delas xa existentes, para Grupos de Referencia Competitiva, Redes e Agrupacións Estratéxicas; e unha de nova creación destinada a Grupos con Potencial Crecemento, aqueles que, sen chegar aínda ao nivel de excelencia, están en disposición de acadalo se realizan un esforzo adicional cara á consolidación. Neste caso dos Grupos con Potencial de Crecemento, as bases establecen axudas para un período de dous anos, e cun importe de 35.000 euros ao ano.

Respecto das axudas aos Grupos de Referencia Competitiva, destinadas aos grupos máis fortes do SUG, teñen unha contía variable entre os 50.000 e os 100.000 euros anuais en función dos ingresos medios do grupo. Os beneficiarios obterán axudas por un período de dous anos, prorrogables por dous anos máis.

As axudas a Redes, cunha duración de 2 anos, van destinadas a redes formadas por un grupo de investigación, denominado coordinador, coa adhesión de polo menos 3 grupos máis, e serán dun importe de 60.000 euros anuais durante dúas anualidades.

No tocante ás Agrupacións estratéxicas, establécense axudas destinadas a unidades de investigación de tipo estratéxico promovidas polas universidades, dun importe máximo de 250.000 euros durante dúas anualidades. Para optar a esta modalidade, a agrupación debe integrar polo menos 5 grupos de investigación do SUG ou un mínimo de 10 investigadores.

Nas próximas semanas publicarase a convocatoria correspondente á anualidade de 2012, na que se indicará o número de axudas que se convocan, o orzamento dispoñible e o prazo de solicitude, e se incluirán os formularios de solicitude.

Criterio de calidade

As bases publicadas pola Consellería establecen como realizar a formalización e presentación de solicitudes, o proceso de tramitación, así como os requerimentos para os solicitantes e os criterios de avaliación e selección.

Respecto a este último punto, cómpre destacar que se introduce o criterio de calidade como base fundamental para a consolidación das unidades de investigación. Así, a selección dos beneficiarios finais das axudas realizaráa a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). Para cada solicitude realizaranse dúas avaliacións anónimas, a partir das cales o panel de avaliadores elaborará o informe final.

Os avaliadores noméanse pola súa especialización, coñecemento do tema e experiencia. O panel de avaliadores estará formado por expertos de fóra do SUG, e cubrirán os diferentes ámbitos temáticos da convocatoria (Ciencias, Ciencias da Saúde, Enxeñaría e Arquitectura, Arte e Humanidades, e Ciencias Sociais e Xurídicas).

A valoración das solicitudes presentadas referirase á produción e calidade científica dos grupos e candidatos, así como á súa actividade investigadora e á idoneidade da programación proposta de acordo cos obxectivos de cada unha das modalidades da convocatoria.