“A ópera dos tres reás” do Centro Dramático Galego acada oito candidaturas aos Premios de Teatro María Casares 2012

Os nomes de todos os finalistas confirmáronse hoxe nun acto festivo organizado pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia no Pazo da Peregrina de Ames

A produción da compañía pública opta aos galardóns en sete categorías: mellores actor e actriz secundarios, escenografía, adaptación/tradución, iluminación, vestiario e maquillaxe.

Xov, 01/03/2012 - 20:00
Unha escena de 'A Ópera dos Tres Reás'
Unha escena de 'A Ópera dos Tres Reás'

O espectáculo A ópera dos tres reás do Centro Dramático Galego (CDG) acadou un total de oito candidaturas aos Premios de Teatro María Casares 2012 que convoca e outorga cada ano a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). A produción da compañía pública, que foi vista entre xuño e outubro de 2011 por 20.000 de espectadores, resultou finalista en sete das categorías a concurso destes galardóns: mellores actor e actriz secundarios, escenografía, adaptación ou tradución, iluminación, vestiario e maquillaxe.

Os apartados nos que resultou nomeada A ópera dos tres reás confirmáronse hoxe no decurso dun acto festivo celebrado no Pazo da Peregrina de Bertamiráns (Ames), canda a comunicación do resto de profesionais, compañías e espectáculos galegos preseleccionados para optar a algunha das 13 categorías previstas –ademais do Premio de Honor Marisa Soto­– na que será a edición décimo sexta duns premios aos que concorren este ano 30 montaxes.

No caso do CDG, os traballos de Víctor Mosqueira, César Goldi e Marta Pazos, tres dos intérpretes do elenco da obra musical de Bertolt Brecht e Kurt Weill que dirixira Quico Cadaval e protagonizara Luis Tosar, conseguiron ser nomeados nas categorías de Mellor Actor Secundario e Mellor Actriz Secundaria, ao igual que o de Pepe Sendón como Mellor Adaptación-Tradución, o de Carlos Alonso como Mellor Vestiario e o de Trini Fernández Silva como Mellor Maquillaxe. Baltasar Patiño, autor da escenografía e a iluminación do espectáculo, tamén é finalista en cada unha desas categorías.

Os XVI Premios María Casares, que recoñecen o labor dos profesionais do teatro nos distintos ámbitos de creación e produción en espectáculos en lingua galega estreados entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2011, decidiranse por votación directa dos membros da AAAG e desvelaranse na gala de entrega que terá lugar o próximo 3 abril no teatro Rosalía Castro da Coruña.    

Menús News node R

Tema