Cultura e Educación destinará 184.000 euros para a finalización das obras do centro de nterpretación das fortalezas do Baixo Miño na Guarda

O Consello da Xunta aprobou hoxe a partida final necesaria para rematar as obras de construción do centro de interpretación das fortalezas do Baixo Miño que se construirá no Castelo de Santa Cruz da Guarda

Este investimento contribuirá a achegarlle á cidadanía o valor histórico e patrimonial destas estruturas defensivas, á vez que dinamizará turisticamente o concello da Guarda

Xov, 01/03/2012 - 17:35

O Consello da Xunta autorizou o asinamento dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o concello da Guarda para a finalización das obras de construción do centro de interpretación das fortalezas do Baixo Miño, no Castelo de Santa Cruz da Guarda. Deste xeito, a Xunta de Galicia investirá 184.000 euros para rematar o centro de interpretación iniciado en 2009 e que permitirá poñer en valor e coñecer amplamente a historia destas construcións defensivas.

O Castelo de Santa Cruz, declarado Ben de Interese Cultural, constitúe un fito clave dentro do sistema defensivo que configuran as fortalezas do Baixo Miño. Esta actuación  irá destinada á construción dun centro de interpretación que contará cun espazo expositivo, unha área de recepción, unha cafetaría e uns aseos, e contribuirá a dinamizar turisticamente o concello da Guarda.A través desta nova institución os visitantes poderán coñecer de forma didáctica a historia e o valor patrimonial das fortalezas defensivas do Baixo Miño.

Fortaleza de gran valor histórico

O Castelo de Santa Cruz da Guarda foi construído no século XVII en relación coa Guerra con Portugal e dentro da campaña do seu último terzo. Edificouse no prazo dun ano co material proveniente das murallas da vila da Guarda, en plena campaña militar e como consecuencia dos avances das tropas portuguesas ao outro lado do río Miño. A campaña militar dura apenas cinco anos desde a súa construción. Mantivo unha pequena gornición cada vez menor ata ser vendido a finais do século XIX e pasou a ser unha dependencia de titularidade privada acondicionada para o uso industrial, agrícola e residencial.

O castelo ten unha planta de cuadrilátero irregular alongado. Conserva un recinto amurallado, con zonas parcialmente derrubadas e outras reconstruídas con cinco garitas circulares con troneiras. As portas de acceso son de arcos semicirculares paralelos formando un paso cuberto con bóveda de canón. O castelo está incluído no Sistema Fronteirizo Atlántico da Guarda-Ínsua-Caminha na desembocadura do río Miño.

Menús News node R

Tema