O Campus Industrial de Ferrol renova a súa acreditación de excelencia ata 2028, que suporá novos investimentos da Xunta

Ao abeiro deste recoñecemento, garántese a ampliación de accións estratéxicas centradas na investigación, a transferencia de coñecemento e a internacionalización

Desde que arrancou o proxecto en 2015, o Goberno galego leva investidos 7,5M€ no campus ferrolán para actuacións ligadas ao sector naval, oceánico e industrial

Mar, 19/12/2023 - 13:35
Campus Industrial de Ferrol

O Campus Industrial de Ferrol vén de acadar a renovación do selo de excelencia como campus de especialización acreditado do Sistema Universitario de Galicia para os próximos catro anos, ata 2028, un recoñecemento de calidade impulsado pola Xunta de Galicia que ten como obxectivo fortalecer as estruturas de campus non centrais aproveitando as súas potencialidades e facéndoos máis competitivos e especializados.

 

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou esta mañá no na presentación da dita renovación, nun acto presidido polo reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, acompañado da vicerreitora do campus de Ferrol, María Jesús Movilla, e da directora do Campus Industrial, Ana Ares.

 

O Campus Industrial de Ferrol foi o primeiro de España e de Galicia en obter este selo de calidade e agora “tamén é o primeiro en acadar a súa renovación”, asegurou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. “Conseguir esta acreditación -explicou- non é unha tarefa sinxela, xa que a avaliación realízase sobre datos obxectivos onde interveñen ducias de indicadores en varias dimensións” analizados por un comité avaliador externo. “A meta final é que o campus sexa unha fonte de transferencia de coñecemento á sociedade ferrolá e ao seu tecido económico e social, e se converta nunha panca de transformación de Ferrol nos vindeiros anos”, abondou.

 

O secretario xeral de Universidades salientou a forte aposta da Xunta por este campus que arrancou como proxecto en 2015 e que en marzo de 2021 obtivo a acreditación de especialización cun enfoque estratéxico ligado ao sector naval, oceánico e industrial, dos que derivan as demais áreas de especialización do campus. Isto permitiulle, entre outros efectos, potenciar as súas estruturas de investigación e estreitar as relacións coas empresas da contorna, o que repercutirá no desenvolvemento da cidade.

 

Financiamento estable

A Xunta leva, no que leva, investidos 7,5M€ nel e, de cara ao futuro, a renovación da acreditación de excelencia inclúe tamén o compromiso dun financiamento estable que se actualizará coa sinatura dun novo acordo entre o Goberno galego e a Universidade da Coruña para seguir desenvolvendo accións vinculadas aos obxectivos fixados nesta renovación.

 

Neste senso, o campus deberá enfocarse en continuar na senda da especialización que lle permita acadar unha mellora substantiva nos diferentes ámbitos de actuación como incrementar as liñas de investigación e aumentar a súa dimensión internacional. No caso das liñas de investigación, a resolución da renovación da acreditación especifica a incorporación de liñas de investigación nos eidos da enxeñaría eléctrica e electrónica, telecomunicacións e informática, que resultan esenciais para nutrir as empresas da contorna. Tamén se apunta a que debe liderar as liñas de enxeñaría aditiva e fabricación 4.0 a nivel nacional, entre outros.