A Xunta eximirá de calquera carga burocrática a alumnos, centros e empresas para a cotización das prácticas de FP a través dun acordo con FEUGA

O Goberno galego investirá 1M€ en habilitar este sistema, fronte á desidia do Goberno central

“Arredor de 16.000 estudantes e 12.000 empresas beneficiaranse desta medida, que garante que ningún alumno perda as súas prácticas”, salienta o conselleiro

Deste xeito o Goberno galego dá resposta á situación de incerteza creada por Moncloa, que pretende poñer en marcha este sistema o 1 de xaneiro

A menos de 15 días da súa implantación, o Goberno central non habilitou os mecanismos nin de xestión nin xurídicos para facela realidade

A falta de resposta desde Madrid está a xerar descontento en todas as CCAA e moitas dúbidas entre as empresas que colaboran coa Formación Profesional

Lun, 18/12/2023 - 18:00
Feuga

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, reuniuse hoxe por videoconferencia cos directores dos centros que imparten ensinanzas de FP, aos que lles anunciou que a Xunta vai eximir tanto aos alumnos como ao centros e ás empresas de calquera carga burocrática que supoña a cotización das prácticas. Farao a través dun acordo coa Fundación Empresa–Universidade Galega (FEUGA), coa que tamén vén colaborando na xestión da FP Dual e que, polo tanto, conta cunha acreditada experiencia neste ámbito. O Goberno galego investirá 1M€ en habilitar este sistema, fronte á desidia do Goberno central.

 

“Arredor de 16.000 estudantes e 12.000 empresas colaboradoras veranse beneficiadas por esta medida, que garante que ningún alumno perda as súas prácticas”, salientou o conselleiro, que fixo fincapé en que a Xunta considera positivo que os alumnos coticen polas súas prácticas. Neste sentido, aclarou que é a actitude unilateral do Goberno central, impoñendo esta medida ás universidades e ás Comunidades Autónomas sen ningún tipo de diálogo, a que xera unha situación de incerteza e pon en perigo as prácticas, e mesmo a titulación dos alumnos.

 

O titular do departamento educativo do Goberno galego explicou que a Xunta “leva xa un tempo traballando con FEUGA para artellar esta solución, dado que o Goberno central aínda non habilitou os mecanismos xurídicos nin de xestión para facer realidade esta medida, pese a que xa querían implantala o 1 de outubro e a que a van poñer en marcha o vindeiro 1 de xaneiro”. “Os diferentes ministerios rebótanse o problema uns aos outros pero ningún ofrece unha solución, está todo sen resolver”, lamentou.

 

“Na Consellería percibiamos que isto podía pasar e levamos tempo traballando para dar resposta a este problema, co obxectivo de non sobrecargar de traballo administrativo nin aos centros nin ás empresas con todas as tarefas derivadas das altas e baixas na Seguridade Social”, indicou Román Rodríguez.

 

Descontento xeral

O conselleiro destacou o descontento xeral co xeito de poñer en marcha esta medida, tanto dos gobernos autonómicos como das propias universidades. Non en balde, só en Galicia a cotización de prácticas afecta a 16.000 alumnos de FP e a outros aproximadamente 10.000 de universidades. Así mesmo, pon en perigo que as empresas, especialmente as pequenas e medianas, colaboren coa formación dos estudantes.

 

Román Rodríguez denunciou, ademais a clara intencionalidade política de Moncloa con esta medida. A partir do 1 de xaneiro, os alumnos que realicen prácticas curriculares quedarán comprendidas como asimiladas a traballadores por conta allea no Réxime Xeral da Seguridade Social. “É dicir, o Goberno central de xeito unilateral decidiu homologar un estudantes a un traballador e que os estudantes en prácticas pasen a ser cotizantes á Seguridade Social. Hai unha clara intención política de intentar maquillar as estatísticas laborais, aportando no conxunto de España en torno a 1 millón de afiliados”, sinalou.

 

Adiar a medida

A semana pasada, na Conferencia Sectorial de Educación, Galicia pediu ao Ministerio adiar a posta en marcha desta medida ata o inicio do curso 2024/25, ofrecendo máis tempo a alumnos, centros e empresas para adaptarse a ela.

 

Así mesmo, demandouse que o Goberno central habilitase un sistema informático sinxelo e áxil que permita a xestión das altas e baixas, evitando a carga burocrática para o sistema educativo e produtivo. Diante da desidia do Ministerio, que emprazou ás Comunidades Autónomas a este xoves 21 para explicarlles o réxime xurídico da medida, Galicia decidiu adiantarse establecendo a devandita colaboración con FEUGA.

 

Cómpre salientar, ademais, que grazas á presión de administración autonómicas como a galega, o Goberno central optou finalmente por bonificar o 100% da cotización das prácticas, de tal forma que non supoña un sobrecusto para alumnos e empresas, tal e como esixiu a Xunta.