A Xunta investirá máis de 5,5M€ na ampliación do Instituto Ies Aquis Celenis de Caldas de Reis, que incluirá importantes melloras enerxéticas

A obra, que ten un orzamento máis de 2M€ superior ao previsto e dá resposta ás necesidades de escolarización da comarca, licitarase antes de que remate 2023

Entre as novidades, o proxecto inclúe a renovación completa de fiestras, luminarias e o illamento de todo o edificio mediante sistema SATE

Renovarase o sistema de calefacción, que será combinada entre xeotermia e pellets

Tamén se instalarán paneis fotovoltaicos e instalaranse prazas de aparcamento con recarga de vehículos eléctricos

O instituto ampliarase verticalmente, gañando unha altura, coa conseguinte renovación da cuberta, e tamén se redistribuirá o edificio existente

A maiores, ampliarase o centro polo lateral para crear un novo ximnasio e un soportal cuberto

Xov, 14/12/2023 - 19:15
c

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación, por anticipado de gasto neste mesmo 2023, da obra de ampliación do Instituto IES Aquis Celenis (Caldas de Reis). A obra conta cun orzamento de 5.524.064,91€, dividido en dúas anualidades, máis de 2M€ máis do inicialmente previsto. O obxectivo desta actuación é mellorar o día a día de profesorado e alumnado deste centro, dando resposta ás necesidades de escolarización deste concello pontevedrés.

O edificio actual do instituto ten unha antigüidade duns 35 anos, con carencias de espazo, dado o incremento da matrícula de Bacharelato, pois este centro sirve ao alumnado de Barro, Cuntis, Moraña, Portas, así como da propia Caldas de Reis. Ademais, parte das instalacións do centro deben ser modernizadas. Deste xeito, o proxecto de intervención inclúe melloras tanto no relativo á ampliación dos espazos como de acondicionamento e mellora do edificio.

No referido á ampliación, realizarase en vertical, engadindo unha nova altura ao edificio, con 2.400m² e o conseguinte cambio de cuberta, que será de panel sándwich. O obxectivo é crear novas aulas para ESO e Bacharelato e adaptar o centro ás recomendacións de espazos flexibles e polivalentes do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para a modernización dos centros educativos. A maiores, ampliarase o centro polo lateral para crear un novo ximnasio e un soportal cuberto.

Listo para o curso 2025/26

A obra licitarase antes de que remate o ano. A previsión inicial é rematar a licitación no mes de abril e comezar os traballos en xuño, co fin de que poidan estar listas para o curso 2025/26.

No edificio actual acometerase unha redistribución parcial das plantas existentes para adaptalo ao dito plan. Entre as principais novidades do proxecto está a mellora enerxética deste edificio, co seu illamento completo mediante sistema SATE, a renovación total de fiestras (270 unidades e 636m²) por unhas novas de aluminio con rotura de ponte térmica, así como o cambio da totalidade das luminarias, instalándoas de tipo LED (787 unidades).

Ademais, entre outras intervencións, melloraranse as instalacións de electricidade, protección contra incendios, de ventilación e o sistema de calefacción. No novo andar instalarase un sistema de xeotermia, mediante unha bomba de calor e pozos xeotérmicos, mentres que para o resto se cambiará a caldeira de gasóleo por unha de pellets.

Xa no exterior, instalaranse paneis fotovoltaicos na cuberta do bloque norte e ampliarase o aparcamento, incluíndo tanto prazas accesibles para persoas con problemas de mobilidade como outras con recarga de vehículos eléctricos.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

A actuación enmárcase no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta da Xunta para renovar os 1.600 edificios que forman os máis de 1.000 centros educativos galegos e adaptalos ás necesidades do ensino do século XXI, ao tempo que se mellora a súa eficiencia enerxética e o confort da comunidade escolar. Trátase dun esforzo sen precedentes en materia de obras educativas, cun investimento de máis de 300M€ ata 2024.