A Xunta pon en marcha un plan de apoio á investigación universitaria dotado con 104 M€ en 2024 para reforzar o talento científico e as súas infraestruturas

O obxectivo é impulsar a investigación en excelencia e promover que os avances xerados deriven en solucións efectivas ante os retos de futuro

Ao abeiro deste, o Consello da Xunta aproba tres novas convocatorias das oito previstas de axudas a persoal, grupos e centros de investigación que suman 47,9M€

Convócanse 102 bolsas predoutorais para contratos de catro anos, dotados con ata 30.000 euros/ano e ata 6.000 € para os tres meses de estadía no estranxeiro

Refórzanse os contratos posdoutorais, que pasan a ser de seis anos de duración co fin de facilitar a estabilización dos investigadores, e duplícase o orzamento deste programa ata acadar os 15M€

Destínanse 21M€, un 22% máis, a financiar a actividade investigadora dos grupos científicos máis competitivos do sistema galego de I+D+i

Xov, 14/12/2023 - 19:17
i

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, salientou hoxe a posta en marcha do Plan iTransfer de Promoción da Investigación e da Transferencia do Sistema Universitario de Galicia, que está dotado con 104 millóns de euros no 2024, “un 16 % máis que o destinado este ano a este tipo de actuacións, e que xa foi un esforzo considerable”, puxo en valor. 

Tras a aprobación deste plan no Consello da Xunta, Rueda explicou que esta partida servirá para o desenvolvemento de accións estruturadas en tres eixes que son o reforzo do talento científico, o funcionamento das estruturas de investigación e a mellora de equipamento e persoal de apoio. 

O obxectivo deste plan, elaborado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, é impulsar a investigación en excelencia feita en Galicia e promover que os avances xerados polo persoal investigador se convertan en solucións efectivas aos retos de futuro. Precisamente, Rueda lembrou que as universidades públicas representan o maior ecosistema de investigación e transferencia de coñecemento da comunidade autónoma, con preto de 7.700 investigadores. 

No primeiro eixe do plan, o de talento e promoción da carreira investigadora, inclúense os programas de apoio predoutoral e posdoutoral así como as axudas á contratación de científicos dos programas Ramón y Cajal, Juan de la Cierva e Grants do Consello Europeo de Investigación (ERC). No eixe de estruturas de investigación inclúense os programas de apoio á consolidación e estruturación dos grupos científicos máis punteiros, a acreditación de excelencia para os centros de investigación e a especialización e acreditación dos campus. O terceiro eixe, de equipamento e persoal de apoio, abrangue o Plan reforza de contratación de tecnólogos e convenios para infraestruturas e accións estratéxicas de I+D+i coas tres universidades públicas galegas.  

60M€ en convocatorias competitivas, un 47% máis

No que atinxe ao ámbito de axudas a persoal, a grupos e centros de investigación, o mandatario galego salientou o feito de que  o Plan iTransfer recolle oito convocatorias competitivas que suman “máis de 60M€, o que supón case un 50 % destinado a este mesmo fin no presente exercicio”. 

Precisamente, Rueda explicou que tamén se deu o visto e prace a tres novas convocatorias das oito previstas. Trátase das axudas predoutorais e posdoutorais e de consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas, que suman un total de 47,9M€, e engádense á xa aprobada de contratos posdoutorais de continuidade e á acreditación de centros de investigación.  

Polo tanto, coa aprobación hoxe polo Consello da Xunta, son xa cinco as convocatorias en marcha, mentres que no que respecta ás tres restantes (axudas Ramón y Cajal, axudas Juan de la Cierva e programas Grants do Consello Europeo de Investigación), xestionaranse en canto se dispoñan dos datos dos investigadores/as captados nestas programas.  

Apoio á etapa predoutoral

O Goberno galego aproba a convocatoria conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación do programa de axudas predoutorais 2024 cunha dotación de 11.893.200 € para a contratación de 102 investigadores por un período de catro anos no Sistema universitario de Galicia (SUG), nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do sistema galego de I+D+i. A finalidade deste programa, que se vén desenvolvendo desde o ano 2012, é a formación do persoal nas súas etapas iniciais para que, mediante procesos formativos estables, adquiran as habilidades propias do persoal investigador.

Trátase de contratos de catro anos de duración que inclúen estadías de tres meses no estranxeiro. As persoas que resulten seleccionadas recibirán unha contía de 24.000 euros anuais durante os primeiros tres anos. O cuarto ano, recibirán 29.000 ou 30.000 euros en función de se len ou non a tese antes. A maiores, hai que engadir un complemento de estadía no estranxeiro que pode acadar os 6.000 euros de máximo, xa que varía en función da zona de destino.  

Apoio formación posdoutoral

O Consello da Xunta tamén vén de lanzar a convocatoria de axudas á etapa posdoutoral, dotada con 14.966.500 euros (o dobre da contía actual) para 43 contratos, e cun novo enfoque estrutural enfocado a impulsar unha maior estabilización do persoal investigador.  

Ata o de agora a etapa posdoutoral estaba estruturada en dúas convocatorias (unha de formación inicial de tres anos e outra de continuidade de dous anos) e agora, o persoal investigador que inicie a etapa posdoutoral en 2024 accederá a unha convocatoria única de seis anos de duración divida en dúas fases de tres anos cada unha cunha avaliación intermedia para pasar dunha fase á outra.  

Durante os primeiros tres anos do contrato, os beneficiarios recibirán unha bolsa de 32.000 euros/ano en concepto de salario e custos sociais. A maiores, recibirán un complemento por cada mes de estadía no estranxeiro segundo a zona de destino e se teñen a condición de bolseiro Fulbright. 

Durante a segunda fase da estadía (os seguintes tres anos tras superar a avaliación intermedia), os beneficiarios recibirán 49.000 euros ao ano durante todo o período, dos cales 38.000 euros son en concepto de salario e custos sociais e o resto son complementos para o establecemento dunha liña propia de investigación.  

A convocatoria inclúe, ademais, un compromiso por parte das entidades do Sistema universitario de Galicia que acollan contratados ao abeiro desta de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanente vinculados a necesidades docentes ou investigadoras.  

Axudas á consolidación dos grupos de investigación máis competitivos

Rueda tamén deu conta da terceira das convocatorias aprobada hoxe que vai dirixida aos grupos de “excelencia investigadora” do sistema de I+D+i para o ano 2024, por un importe de 21.085.000 euros, un 21,7 % máis con respecto aos 17,3M€ do presente exercicio e que supón, segundo admitiu, un “coidado e atención especial” para este colectivo.

A orde conxunta das consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Economía, Industria e Innovación está dirixida ás tres universidades públicas galegas, aos organismos públicos de investigación en Galicia, ás fundacións galegas de investigación sanitaria e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia. 

O obxectivo desta liña de axudas é asegurar un financiamento estrutural e continuado, condicionado a criterios de calidade, que garanta un financiamento basal dos grupos científicos máis excelentes do sistema galego de investigación que lles permita desenvolver o seu labor de xeito estable e cunha liberdade de acción suficiente para reorientalo, de ser o caso. Trátase, por tanto, dunha acción que permitirá seguir dotando o sistema investigador de estabilidade e impulsando a súa excelencia.  

Ao igual que nas convocatorias anteriores, a orde inclúe o apoio a grupos de referencia competitiva (modalidade A), a grupos de potencial crecemento (modalidade B) e a proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente (modalidade C). Ademais, mantense o criterio de ter en consideración o liderado e a importancia e o papel desempeñado polas mulleres nas propostas presentadas, co fin de contribuír a reducir o desequilibrio entre mulleres e homes dedicados á investigación no sistema galego de I+D+i. 

As axudas das tres modalidades poderán destinarse ao custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación, ferramentas de xestión do coñecemento e a información (aplicacións, licenzas e programas informáticos, bases de datos etc. pequeno equipamento inventariable e material funxible, material bibliográfico e custos de matrículas e inscrición en cursos, congresos e seminarios e estadías, entre outros.  

Tamén serán conceptos subvencionables a contratación de investigadores visitantes, a organización de actividades de difusión, a publicación dos resultados da investigación en aberto (sempre e cando sexan como consecuencia da actividade do grupo), a consultoría e asesoramento externo, os gastos derivados da elaboración dun informe de auditoría e os custos indirectos.