A Xunta advirte de que o Goberno central está a poñer en risco as prácticas e a titulación de milleiros de estudantes galegos de FP e Universidades

Moncloa pretende poñer en marcha o 1 de xaneiro a cotización das prácticas do alumnado sen ter establecidos os mecanismos necesarios que o fagan posible

A Xunta está a favor de que os estudantes galegos poidan cotizar polas súas prácticas formativas, pero desde o consenso entre administracións e co sector empresarial

A Consellería de Educación leva meses advertindo, sen éxito, a tres ministerios diferentes que esta decisión improvisada pon en perigo a viabilidade da FP

Demanda un sistema informático áxil e sinxelo para xestionar a cotización e o adiamento da mesma ao inicio do curso 2024/25 para facilitar a medida

A Consellería reunirase cos centros a vindeira semana para garantirlles que a Xunta non os deixará indefensos, nin a eles nin aos alumnos, neste escenario

Mér, 13/12/2023 - 19:34
c

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, advertiu hoxe na Conferencia Sectorial de Educación de que o Goberno central “está a poñer en perigo as prácticas formativas de milleiros de estudantes galegos de FP e universidades e mesmo a súa titulación”. Esta situación é froito da decisión de que dito alumnado deba cotizar á Seguridade Social, unha medida que Moncloa quere poñer en marcha o 1 de xaneiro sen establecer os mecanismos necesarios para levalo a cabo a pesar das advertencias da Xunta desde hai meses.

Neste sentido, Román Rodríguez reiterou que a Xunta está a favor da inclusión do alumnado de prácticas como cotizantes, pero advertiu que é preciso “acadar un profundo consenso” entre o Goberno central e as comunidades autónomas e o tecido empresarial. Lonxe disto, o Ministerio “actúa de xeito unilateral, xerando caos e dúbidas”.

O titular do departamento educativo da Xunta participou esta tarde na reunión de Ministerio de Educación e comunidades, que se celebrou de xeito presencial grazas á presión da Xunta. “Despois de meses sen convocar a Conferencia Sectorial, a ministra pretendía abordar un tema tan importante coma este, a 15 días da súa posta en marcha, sen sentarse a dialogar fronte a fronte coas comunidades”, declarou o conselleiro.

Román Rodríguez explicou que a inminente posta en marcha da cotización das prácticas, sen ningunha preparación previa por parte do Goberno do Estado, “sitúanos diante dun problema moi grave do que, con lealdade, advertimos desde Galicia antes do verán a varios ministerios (Educación, Universidades e Seguridade Social), que só se pasaron o problema dos uns aos outros, sen achegar ningunha solución”.

Propostas de Galicia

O representante da Xunta lamentou que isto vai supoñer unha enorme carga administrativa para as empresas que participan na formación do alumnado, algo que vai desincentivar especialmente ás pequenas empresas que colaboran no ámbito da FP.

Por iso, pediu na Conferencia Sectorial que habilite un sistema informático “sinxelo e áxil” que permita a xestión das altas e baixas, dado que moitas empresas con estudantes en prácticas non poden asumir os gastos de xestoría. Aclarou, ademais, que este traballo adicional tampouco debería recaer nos centros educativos. A posta en marcha deste sistema require tempo, polo que solicitou que se adíe a implantación da cotización ao inicio do curso 2024/25 co obxectivo de facela posible.

Ataques contra a FP

Román Rodríguez lembrou que o Ministerio de Educación “leva tempo adoptando decisións que atacan directamente á FP, como foi o caso a extinción do corpo de profesores técnicos destas ensinanzas ou a publicación da nova lei de FP, cuxo calendario de aplicación está a incumprir o propio Ministerio”, afirmou.

“A isto súmase agora a cotización das prácticas, que atenta contra o forte salto cuantitativo e cualitativo que deu a FP en Galicia. Temos un sistema de prestixio que abre a porta ao emprego a milleiros de mozos e mozas, que ten a confianza do estudantes e a conexión do sistema académico de FP coas empresas e os sectores produtivos -destacou-. Non podemos permitir que a improvisación do Goberno central poña en perigo o papel da FP como unha das ferramentas fundamentais para construír a Galicia do futuro”.

O conselleiro expuxo que a Xunta “está moi preocupada e imos convocar aos centros informalos da situación á que o sistema de FP se ve abocado”. “Poden estar seguros, alumnos e centros, de que o Goberno galegos non os vai deixar indefensos neste escenario, como lamentablemente si fai o Ministerio”, concluíu o Ministerio.