Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 7 M€ en nove centros educativos de Ourense

Ampliaranse e melloraranse os institutos Eduardo Blanco Amor e 12 de Outubro, os centros integrados de FP A Farixa e A Carballeira e os colexios A Inmaculada e Virxe de Covadonga

Os colexios O Couto, Manuel Luis Acuña e Vistahermosa contarán cunha rehabilitación integral das súas instalacións

Estas intervencións encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, co que se busca adaptar os centros ás novas demandas educativas e sociais

Mér, 13/12/2023 - 19:23
o

A Xunta de Galicia destinará máis de 7M€ a melloras en nove centros educativos de Ourense. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado do delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén. Fíxoo nunha reunión coas direccións dos centros para informalos de primeira man sobre os plans previstos.

Tal e como explicou o responsable autonómico de Educación, están previstas en 2024 nove actuacións en colexios, institutos e centros integrados de FP. “Algunhas actuacións xa van a comezar de xeito inmediato, mentres que outras se licitarán en 2024”, anunciou Román Rodríguez. Antes de rematar este ano licitaranse as obras do Instituto IES Eduardo Blanco Amor para a súa ampliación e as do 12 de Outubro para mellorar a instalación eléctrica. Prevese que a finais deste curso comecen as obras.

Ao longo do ano 2024 licitarase a ampliación do Centro Integrado de FP CIFP A Farixa, cuxo proxecto xa está en redacción. Tamén se encargarán os proxectos de cinco centros educativos, dos que se espera comezar as actuacións de mellora a finais do mesmo ano. Neste caso son os Colexios CEIP O Couto e Manuel Luis Acuña, nos que se realizarán rehabilitacións integrais das súas estruturas; mentres que no Colexio CEIP Virxe de Covadonga prevese a instalación dun ascensor e no Colexio CEIP Vistahermosa proxéctase a rehabilitación integral, ademais da instalación dun ascensor e o peche parcial da pista polideportiva.

A Consellería de Educación tamén ten en marcha outros dous proxectos de ampliación dos edificios: o Colexio CEIP A Inmaculada e o Centro Integrado de FP CIFP A Carballeira. Como explicou Román Rodríguez durante o anuncio destas actuacións, as obras non comezarán ata finais de 2024 ou inicios de 2025 debido a que é preciso licitar o proxecto e posteriormente a obra.

Con estas actuacións, que se enmarcan no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a Xunta de Galicia quere “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais”, afirmou o conselleiro de Educación. “Traballamos sen descanso para que o conxunto dos centros educativos de Galicia, con máis de 1.600 edificios, sexan cada vez máis modernos, accesibles e confortables”, engadiu.

Máis de 28M€ desde 2009

Román Rodríguez destacou que todas estas obras previstas para o vindeiro ano “completan as actuacións de mellora e reforma realizadas ata agora na cidade de Ourense”. Desde o ano 2009 ata hoxe a Consellería de Educación investiu nos centros educativos da cidade da burgas un total de 28,5M€.

Durante este ano están en marcha a ampliación do centro do IES Ferro Couselo por máis de 2,7 millóns de euros e melloras sectoriais no IES Universidade Laboral por case 500.000 euros. Nos últimos anos tamén destaca a aposta da Xunta de Galicia polo Centro Galego de Innovación da FP, o centro de referencia para o alumnado e profesorado da FP galega.