Convocatoria para a realización de proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística

Mar, 12/12/2023 - 14:29

Resolución da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa pola que se convoca a participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024 e se establecen as bases reguladoras para realizalos.

A Secretaría Xeral de Política Lingüística e mais a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa publican a convocatoria de participación en proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística para os centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades durante o curso académico 2023/2024.

Os centros públicos admitidos no programa Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística, no marco do Plan Proxecta+, teñen a obriga de participar. Tamén se poderán presentar os demais centros docentes de titularidade pública da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

Ao abeiro desta convocatoria, seleccionaranse cinco proxectos, que terán a consideración de excelentes; cada un deles recibirá unha dotación económica de 2 000 euros. Poderán concederse dúas mencións de honra, de ser o caso.

O profesorado implicado activamente no desenvolvemento dos cinco proxectos seleccionados recibirá unha certificación de Primeiro Premio de Innovación Educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado (30 para a persoa coordinadora). O persoal docente dos proxectos recoñecidos, de ser o caso, coa mención de honra recibirá unha certificación de Accésit.

  • O prazo de presentación das solicitudes, que se enviarán exclusivamente a través da Sede electrónica da Xunta de Galicia, rematará o día 12 de marzo de 2024.