A Xunta anuncia a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense

Avaliadores externos emiten informe favorable a este recoñecemento

A Xunta acompañará á Universidade de Vigo no camiño cara á excelencia, cun investimento superior aos 3M€ para o Plan Operativo do Campus de Ourense

“Trátase dunha aposta estratéxica, que agardamos que impulse este campus como un dos motores económicos de Ourense”, destaca Román Rodríguez

Elena Rivo pon en valor o Campus ourensá e sinalou que move a economía, xera emprego e achega riqueza á provincia e a Galicia

É o terceiro campus que acada este recoñecemento, sumándose ao Industrial de Ferrol e ao Campus Terra de Lugo
 

Mar, 12/12/2023 - 13:30
o

Os conselleiros de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, e o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, anunciaron hoxe a acreditación de especialización do Campus Auga de Ourense, centrado en promover actividades docentes, investigadoras e de transferencia de coñecemento en temáticas da auga e alimentación.

O titular do departamento educativo da Xunta comunicou que o comité de avaliación vén de emitir informe favorable á acreditación como campus de especialización. “Será o terceiro campus que acada este recoñecemento, sumándose ao Industrial de Ferrol e ao Campus Terra de Lugo”, destacou o conselleiro.

Román Rodríguez salientou que a Xunta vai acompañar ao Campus de Ourense neste camiño á excelencia. Neste marco, Goberno galego e Universidade de Vigo asinarán un protocolo e un convenio de colaboración por un importe aínda por determinar, pero que previsiblemente superará os 3M€ en tres anos”, explicou. “Trátase dunha aposta estratéxica, que agardamos que impulse este campus como un dos motores económicos de Ourense”, incidiu.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, pola súa banda, destacou que o Campus de Ourense, que o conforman 5.000 persoas entre alumnado, profesorado e persoal administrativo, move a economía, xera emprego e aporta, polo tanto, riqueza para a provincia e para Galicia. Así mesmo, Rivo indicou a importancia de apostar pola investigación para captar e reter talento.

Plan Operativo

O conselleiro de Educación detallou que nestes momentos un grupo de expertos está redactando un informe ampliado que fixará as prioridades e as liñas estratéxicas que deberá seguir desenvolvendo o Campus de Ourense nos próximos tres anos a través dun Plan Operativo con indicadores medibles e cuantificables.

A finalidade desta folla de ruta é afondar nos obxectivos do Campus de Ourense, en concreto na formación avanzada e de calidade en disciplinas relacionadas coa auga, que son as que diferencian este campus a nivel nacional e internacional; e na internacionalización da investigación multidisciplicar e na promoción da transferencia do coñecemento cara a aplicación en liña coa sociedade, a industria e as institucións, entre outros aspectos. A previsión é que o documento estea rematado nos primeiros meses de 2024.

Case 8,5M€ desde 2013

Román Rodríguez quixo poñer en valor o apoio da Xunta de Galicia ao Campus Auga desde o ano 2013, cun investimento de case 8,5M€. Unha década na que o Campus de Ourense traballou arreo para potenciar todas as súas características distintivas para convertelas en axentes claves do desenvolvemento económico e social.

Así mesmo, destacou a importancia da estratexia de especialización de Campus da Xunta, “unha iniciativa pioneira en todo o Estado que impulsamos desde o ano 2013, centrada en impulsar unhas universidades estreitamente ligadas ao territorio e a que levamos investidos máis de 24,4M€”.