Román Rodríguez anuncia un investimento de máis de 2,5M€ en centros educativos de Redondela

A Xunta de Galicia licitará antes de final de ano as obras nos institutos Pedro Floriani e Mendiño e no colexio Reboreda

Na primeira delas destinarase 1,9M€ para ampliar o centro en máis de 700m2 para dotalo de novos espazos e servizos

As actuacións restantes están dirixidas a facer melloras sectoriais como a instalación dunha nova caldeira de biomasa ou o cambio de ventás

Estas intervencións encádranse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica para adaptar os centros ás novas demandas educativas e sociais
 

Lun, 11/12/2023 - 21:11
r

A Xunta de Galicia investirá máis de 2,5M€ para levar a cabo melloras en centros educativos de Redondela. Así o anunciou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, nunha visita ao Instituto IES Pedro Floriani, un nos que está previsto actuar xunto ao IES Mendiño e o Colexio CEIP Reboreda.

Tal e como avanzou na visita o responsable autonómico de Educación, a Xunta de Galicia publicará antes de final de ano as licitacións destas obras que permitirán “mellorar as infraestruturas para adaptalas ás novas demandas educativas e sociais” en liña co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica. “Queremos que Galicia sexa o mellor lugar para formarse e por iso traballamos para que os nosos colexios e institutos sexan cada vez máis confortables e modernos”, afirmou Román Rodríguez.

A principal actuación anunciada hoxe é a ampliación do IES Pedro Floriani, un centro formado por varios edificios que ofertan distintas etapas e modalidades formativas. Neste caso, a Xunta investirá 1,9M€ para ampliar o centro en máis de 700 m2 e dotalo de novos espazos e servizos co fin de reforzar a oferta de Formación Profesional mediante a creación de novas aulas polivalentes e técnicas coa superficie axeitada. Ademais, o proxecto complétase coa substitución das cubertas do centro.

As actuacións restantes están dirixidas a facer melloras sectoriais. Así, no caso do Instituto de Mendiño, destinaranse máis de 250.000€ para dotar ao centro dunha nova caldeira de biomasa. Isto permitirá renovar a instalación de xeración de calor substituíndo a actual caldeira de calefacción de gasóleo por unha de enerxía verde. Por último, o Colexio Reboreda contará cun investimento de 320.000€ para cambiar a carpintería exterior do centro. En total cambiaranse 169 unidades o que permitirá mellorar a eficiencia enerxética e o confort do edificio.