O Consello dá luz verde ao acordo histórico entre Xunta e sindicatos para a mellora estrutural do sistema educativo cuxas medidas comezarán a aplicarse xa en xaneiro

Abrangue melloras nas rateos por aula, na atención á diversidade, no horario lectivo e na carreira profesional docente, así como en cuestións de carácter burocrático

O profesorado comezará a ver os resultados a partir do próximo mes con subas retributivas por formación, funcións de titoría e funcións directivas

A partir do vindeiro curso redúcense as rateos de alumno por aula ao pasar de 25 a 20 en Infantil e Primaria, de 30 a 25 en ESO e de 33 a 30 en Bacharelato

Mellórase a atención á diversidade no caso do alumnado con necesidades específicas de atención, xa que, a efectos de rateos, computarán por dous ou por tres

Redúcese o horario lectivo dos mestres de 25 a 23 horas á semana, o que sitúa a Galicia no grupo de cabeza das comunidades con menos horas

Avánzase en medidas de conciliación con posibilidade de reunións telemáticas

Xov, 07/12/2023 - 17:47
x

O Consello da Xunta vén de dar luz verde ao acordo histórico acadado entre o Goberno galego e as organizacións sindicais CCOO, ANPE e UGT-SP Ensino para a mellora do sistema educativo galego, o que permite comezar a aplicar xa, a partir de xaneiro, as medidas nel recollidas, sobre todo no que atinxe aos aspectos de carácter salarial. Non obstante, isto é unicamente unha parte do paquete de accións acordadas que entrarán en vigor o vindeiro curso e que abranguen melloras nas rateos por aula, na atención á diversidade, no horario lectivo e na carreira profesional docente, así como en cuestións de carácter burocrático.

Todas elas son medidas de carácter estrutural encamiñadas a sentar as bases do ensino da vindeira década, cunha atención máis excelente e personalizada do alumno, co obxectivo de seguir mellorando e afianzando os principais indicadores que ratifican o sistema educativo galego como un dos mellores sistemas de España.

Rateos por aula

Un dos principais puntos do acordo é a mellora das rateos por aula, abordada co obxectivo de mellorar a atención ao alumnado, acadar unha docencia máis personalizada e manter as plantillas do profesorado con independencia da caída da natalidade.

Neste senso, o acordo fixa unha redución da rateo en todas as etapas educativas de xeito que na de Infantil e Primaria pase dos 25 alumnos/aula actuais aos 20 alumnos/aula. No caso da etapa de ESO redúcese de 30 a 25 alumnos/aula e no caso de Bacharelato de 33 (a lei estatal fixa 35) a 30 alumnos/aula.

Esta redución vaise implantar de xeito progresivo comezando en 4º curso de Educación Infantil a partir do vindeiro 2024-25 e así sucesivamente nos cursos posteriores. Non obstante, estas rateos xa van ter un efecto inmediato no conxunto do sistema a partir do próximo curso posto que, a efectos de crear ou suprimir unidades, sexan no curso que sexan, xa se van ter en conta as novas rateos. É dicir, que non haberá eliminación de unidades se a suma dos alumnos supera as novas rateos.

Ademais, todas as aulas de Infantil e Primaria que teñan actualmente entre 20 e 25 alumnos xa non van incrementar o seu número con respecto aos que tiveron o curso anterior. E oficialízase que o alumnado repetidor computará a efectos de rateos, cuestión que xa se estaba aplicando na práctica desde a pandemia.

Con esta redución de rateos, Galicia sitúase no grupo de cabeza das comunidades autónomas con menos alumnos por aula. Cómpre subliñar que xa contaba cun menor número de alumnos por profesor (9,8 fronte á media de España de 11,4).

Atención á diversidade

Outro dos puntos máis destacados do acordo é o referido á atención á diversidade, xa que os nenos con necesidades educativas van ter unha consideración específica a efectos de rateos por aula, o que supón consolidar unha mellor integración e atención escolar a estes alumnos.

Froito deste acordo, cada alumno con discapacidade recoñecida igual ou superior ao 33%, ou cun grao I de dependencia acreditada ou cun trastorno grave de conduta acreditada, vai computar por dous a efectos de rateos na aula. No caso de discapacidade recoñecida igual ou superior ao 65% ou cun grao II ou III de dependencia acreditada, computará por tres a efectos de rateos.

Horario lectivo

No que atinxe ao horario lectivo, os mestres de Infantil e Primaria verán reducido o seu horario lectivo a partir do próximo curso, pasando de 25 a 23 horas lectivas á semana, o que incidirá directamente nunha mellor atención ao alumnado. Ademais, desde xeito, Galicia sitúase no grupo de cabeza das comunidades con menos horas.

Ademais, no acordo inclúese un punto específico no que se empraza á negociación dunha nova regulación do horario lectivo da xornada de traballo do persoal funcionario e persoal laboral docente ao momento no que se aborde unha xornada de traballo de 35 horas semanais para todo o persoal da Xunta de Galicia.

Carreira profesional docente

Tamén no que atinxe ao profesorado, o acordo aborda cuestións específicas para a consolidación dunha carreira profesional docente na que se prime a adquisición de competencias e a especialización para afrontar con éxito os retos de futuro en eidos como a innovación tecnolóxica nas aulas, a convivencia e o benestar.

Así pois, apróbase un incremento mensual do 20% do complemento específico que o profesorado recibe en base á súa formación permanente. Incentívase, deste xeito, esta práctica de actualización constante de coñecementos e destrezas que repercute nunha mellor atención ao alumnado. A suba realizarase ao longo de dous cursos, cun 10% consecutivo máis en cada un deles, polo que o primeiro 10% se vai aplicar xa a partir de xaneiro. Tamén se indica que, transcorridos seis anos desde a sinatura do acordo, requirirase que o profesorado teña acadado, como mínimo, o nivel B1 de competencia dixital docente. Para conseguilo, a Xunta comprométese a realizar unha oferta formativa suficiente.

Establécese un incremento de 60 euros mensuais no complemento por desempeño de funcións de goberno tales como dirección, secretaría, xefatura de estudos, etc, así como para o persoal que realiza funcións de inspección. Trátase dun aumento lineal que se aboará en tres anos a razón de 20 euros acumulativos cada ano, que beneficiará tamén aos responsables de centros pequenos con menos de tres unidades, algo especialmente relevante en zonas rurais, e a xefaturas de residencias, membros dos equipos de orientación específica ou asesores técnicos docentes, entre outros. Así pois, os 20 primeiros euros comezarán a aboarse xa desde xaneiro.

Tamén se incrementa un 20% mensual (repartido en dous anos, cun 10% inicial a partir de xaneiro) o complemento específico por desempeño de funcións de titoría; multiplícase por dous o importe das axudas por formación que recibe o profesorado, e regularanse as licencias de formación non retribuídas.

Melloras burocráticas e de conciliación

O acordo inclúe finalmente unha serie de medidas complementarias de carácter burocrático e enfocadas tamén á mellora da conciliación. Neste senso, este mesmo curso constitúese un grupo de traballo encargado de elaborar un plan de simplificación de tarefas burocráticas nos centros, o que permitirá unha maior dedicación do persoal docente ás tarefas estritamente educativas. Trátase dunha medida que, novamente, está enfocada á mellora da atención que recibe o alumnado.

Así mesmo, establécese que os órganos de coordinación docente poidan realizar reunións telemáticas, sempre que así o decida o claustro ou o órgano convocante correspondente. Trátase dunha medida de flexibilidade que busca facilitar a conciliación dos traballadores do noso sistema educativo.