O Centro de innovación da FP acolle este luns a presentación dun informe internacional da fundación COTEC sobre innovación educativa

O estudo ‘Innovación pública no deseño de políticas educativas: cara un sistema educativo innovador’ está elaborado por dita entidade coa colaboración de Red2Red

A directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participarán no acto

Dom, 03/12/2023 - 12:54
x

O Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, con sede en Ourense, vai acoller este luns a presentación internacional do estudo Innovación pública no deseño de políticas educativas: cara un sistema innovador. O documento, elaborado pola Fundación Cotec para a innovación en colaboración con Red2Red, consultoría especializada en políticas públicas, sostibilidade e fondos europeos, está concibido como unha primeira aproximación á capacidade de innovación da administración educativa e recolle 28 proxectos e iniciativas que empregan ferramentas de innovación pública para definir políticas en educación.

A Xunta de Galicia agradece á Fundación Cotec, cuxo obxectivo é promover a innovación como motor de desenvolvemento económico e social, que escollera o Centro Galego de Innovación da FP para dar a coñecer os contidos do dito estudo, que presentará a directora de Educación e formación da entidade, Ainara Zubillaga.

Online e inscrición

O evento contará coa participación da directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, e da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey. Poderá seguirse de forma presencial ou en liña previa inscrición. Comezará ás 10,00 horas coa benvida institucional por parte da directora do Centro Galego de Innovación da FP, Marta Vázquez.  

No decurso da mañá tamén intervirán a presidenta da Fundación Cotec, Cristina Garmendia; o director xeral de Persoal, Formación e Innovación do Goberno de Aragón, José María Cabello, e o director de Educación en EsadeEcPol e consultor do Banco Mundial, Lucas Cortázar.