A Consellería premiou a 106 centros galegos que forman parte da rede europea de educación 'Comenius'

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, entregoulles unha placa que os identifica como integrantes do programa

Xov, 28/01/2010 - 18:52

O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira, fixo entrega hoxe das placas 'Somos Comenius' coas que se recoñece o labor dos 106 centros galegos que participan no programa europeo Comenius. Un proxecto que ten como obxectivo reforzar a educación a través da mobilidade e cooperación entre centros, nas etapas de infantil, primaria e secundaria, nos que se desenvolven iniciativas bilaterais e multilaterais con outros centros europeos desde 2007.

A entrega das placas tivo lugar ao remate dun encontro entre os centros que forman parte da rede de asociacións Comenius, e que se realizou no salón de actos da Escola da Función Pública (EGAP), en Santiago. Nesta xornada a Consellería de Educación estivo representada polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación, José Luis Mira; e polo subdirector Xeral de Aprendizaxe Permanente e Réxime Especial, Juan Durán Alonso. Tamén estiveron presentes distintos membros do Organismo Autónomo de Programas Educativos Europeos (OAPEE), encargado de dirixir as actividades.

Durante a súa intervención, José Luis Mira sinalou que este tipo de actos demostra o interese de Educación por promover a participación de todos os sectores do ensino obrigatorio nos Programas Educativos Europeos, grazas aos que "contribuímos ao desenvolvemento dunha sociedade de coñecemento avanzada, promovendo o intercambio de ideas, experiencias e persoas entre distintas rexións de Europa".

As placas entregadas foron deseñadas por Iria Rodil, ex alumna do IES Monte Castelo (Burela), tras gañar o concurso organizado para tal fin pola Axencia Nacional e no que participaron centros de toda España.

Aprendizaxe permanente

Ao longo da xornada a directora de Programas do OAPEE, María Dolores López Mollo, informou das novas accións do Programa. Así, a través da Mobilidade do Alumnado Comenius, os estudantes dos centros galegos poderán asistira clase en escolas europeas de tres a seis meses. López Mollo tamén deu a coñecer a iniciativa Comenius Regio, co que se promove a cooperación de autoridades locais e rexionais do mundo da educación entre os países europeos e que ten como obxectivo mellorar a oferta formativa.

Ao longo do día participaron no encontro representantes dos centros galegos que están traballando nun 'Comenius Regio' con autoridades locais e rexionais de Galicia. Así o IES Nº1, de Ribeira, traballa co concello no que está situado. Pola súa banda, o IES Xelmirez I, de Santiago, colabora co departamento territorial da Coruña; e o CPI O Cruce, de Cerceda, fai o mesmo coa Consellería de Educación. Este último foi recoñecido o pasado novembro como 'Centro Comenius' entre todos os que integran a asociación en España.

Para rematar a xornada interviñeron os alumnos e as alumnas participantes de Asociacións Comenius dos CPI O Cruce, de Cerceda (A Coruña); o IES Monte Castelo de Burela, en Lugo; o IES Mataguisela, de O Barco de Valdeorras, en Ourense; e o IES A Sangriña, de Pontevedra. Todos eles relataron a súa experiencia neste proxectos, e deron conta da importancia dos mesmos para a súa formación.

Programa Comenius

O Programa Comenius é un proxecto a nivel europeo que ten como principal obxectivo reforzar a educación infantil, primaria e secundaria a través da promoción da mobilidade e cooperación entre os centros asociaciados. Entre as súas accións inclúese o desenvolvemento dos proxectos realizados entre os alumnos e profesores. Ademais entre os seus plans hai cursos de formación dirixidos ao profesorado e outro tipo de persoal docente, para a mellora da calidade da educación.