A Xunta investirá máis de 12,6M€ en preto de 80.000 elementos de novo material para os polos creativos

O Consello autoriza o expediente de contratación para avanzar na expansión destes espazos a todos os centros de Infantil, Primaria e ESO sostidos con fondos públicos

Dotaranse con elementos como impresoras e escáneres 3D, gafas de realidade virtual, cortadoras láser, lápices 3D ou kits de robótica e intelixencia artificial

Ao remate do despregamento, serán máis de 1.200 centros de toda Galicia os que conten con estes recursos, cun investimento de máis de 19M€ do Goberno galego

Xov, 30/11/2023 - 18:02
p

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde á licitación do expediente de contratación de preto de 80.000 elementos de novo material para os Polos Creativos. Serán máis de 12,6M€ os que o Goberno galego destine a adquirir este equipamento robótico e de programación, que permitirá avanzar na expansión destes espazos por colexios e institutos de toda a xeografía galega.

Os Polos Creativos son espazos educativos innovadores, postos en marcha o pasado curso e dotados de equipamento especializado, para fomentar as competencias STEM e as vocacións científico matemáticas entre os máis novos. Neles trabállase a creatividade a través da superación de retos tecnolóxicos e dixitais, a resolución de problemas ou a construción de prototipos, entre outros. Toda a actividade realízase de forma colaborativa, traballando en equipo, o que tamén fomenta a convivencia entre o alumnado.

O equipamento co que contan permite afondar en temáticas como a intelixencia artificial e outras tecnoloxías intensivas, o procesado audiovisual e artístico, a realidade virtual e a impresión 3D, as tecnoloxías de control computerizado e fabricación aditiva, o mecanizado de diferentes materiais, a electromecánica, a robótica e os microcontroladores, entre outras.

Licitación en 20 lotes

O novo expediente de contratación divídese en 20 lotes, cun importe total de 12.625.014,16€. A relación de 26.621 unidades de contratación inclúe impresoras e escáneres 3D, gafas de realidade virtual, cortadoras láser, lápices 3D, kits de e-textis, xogos de construción e encaixe, tabletas para programación e control robótico, kits de electrónica, robótica e intelixencia artificial, equipos de robótica, programación, de apoio para prototipado, de microcontrol e de interacción, así como sistema de gravación de audio e de iluminación, entre outros.

No curso 2022/23 funcionaron un total de 225 Polos Creativos en centros de ensino galegos. O éxito da experiencia levou á Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades a tomar a decisión de instalar estes recursos en todos os centros de Infantil, Primaria e ESO sostidos con fondos públicos. Ao remate do despregamento, serán máis de 1.200 centros de toda Galicia os que conten con estes recursos, cun investimento de máis de 19M€ do Goberno galego.

Rede con 35 docentes mentores

De xeito complementario, e poñendo o acento na formación do profesorado que atende os Polos, a Xunta acaba de poñer en marcha a nova Rede de Asesoría de Polos Creativos, conformada por 35 docentes que desde os centros de formación e recursos do profesorado realiza labores de mentoring. Trátase de docentes cun perfil técnico con experiencia previa na xestión destes espazos, pero tamén con coñecementos pedagóxicos e tecnolóxicos especializados que ofrece apoio para tirar o máximo rendemento ás capacidades dos Polos Creativos.

Ademais, publicáronse unhas instrucións para o desenvolvementos dos Polos Creativos, a través das que se guía aos centros para a súa posta en funcionamento, organización, e funcións. Así mesmo, establécese a vontade da Xunta de abrir estes espazos ao conxunto da comunidade educativa e da contorna, de tal forma que funcionen como núcleos dinamizadores deste ensino de vangarda promovendo actividades que traspasen ás paredes dos centros educativos, mesmo implicando á veciñanza.