O secretario xeral de Política Lingüística pon en valor o importante labor que desenvolven os Equipos de Dinamización da Lingua Galega

Valentín García inaugurou hoxe a Xornada de Innovación en Dinamización Lingüística enmarcada nos premios do mesmo nome convocados anualmente pola Xunta de Galicia

A actividade formativa busca dar a coñecer as experiencias dinamizadoras e converter en referentes os centros que poidan servir como modelo polo seu traballo

Sáb, 25/02/2012 - 11:22
Xornada de Innovación en Dinamización Lingüística
O secretario xeral de Política Lingüística pon en valor o importante labor que desenvolven os Equipos de Dinamización da Lingua Galega

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Valentín García, inaugurou hoxe a Xornada de Innovación en Dinamización Lingüística para Equipos de Dinamización da Lingua Galega (EDLG) que se celebrou no IES As Fontiñas, en Santiago.

“Os Equipos de dinamización da lingua galega levan anos na vangarda dos centros educativos procurando novos xeitos de ensinar lingua, de aumentar a súa valoración e de estender o seu uso, incorporando o alumnado, usando as TIC, potenciando as destrezas lingüísticas orais, favorecendo a coordinación do profesorado”. Así o afirmou o responsable de Política Lingüística, que destacou a intención do seu departamento de “continuar apoiando e impulsando o traballo dos Equipos e o dos seus coordinadores territoriais a prol da dinamización da lingua galega”.

Presentación dos proxectos gañadores

O programa da xornada incluíu a presentación dos cinco proxectos gañadores dos Premios de Innovación en Normalización Lingüística que convoca anualmente a Xunta de Galicia, e mais das medidas que se están a levar a cabo nos centros para fomentar o uso da lingua galega, da man do profesorado que coordinou o deseño e a posta en marcha destas accións innovadoras.

Os cinco proxectos foron, nomeadamente, “Rianxo 2112: construíndo un pasado para o noso futuro”, do IES Félix Muriel de Rianxo (A Coruña); “Modelo Burela de Planificación Lingüística”, do IES Perdouro de Burela (Lugo); “Dálle á lingua”, do IES As Bizocas do Grove (Pontevedra); “Máis galego. Tecendo redes”, do IES Rodeira de Cangas (Pontevedra) e “A elaboración do viño na RIbeira Sacra”, do CPI Dr. López Suárez do Saviñao (Lugo).

A xornada rematou cunha sesión práctica arredor do uso das ferramentas tecnolóxicas e do software social nas accións de dinamizadoras, a cargo da empresa Imaxín Software.

Cómpre destacar que esta actividade formativa, dirixida principalmente ao profesorado implicado na elaboración dos proxectos gañadores dos premios, busca dar a coñecer as experiencias dinamizadoras máis interesantes, así como converter en referentes os centros que poidan servir como modelo polo seu papel dinamizador.

XX aniversario dos Equipos de dinamización da lingua galega

Co gallo da conmemoración do vixésimo aniversario da creación, en todos os centros educativos de primaria e secundaria de Galicia, dos actuais EDLG, a Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha dúas iniciativas que teñen por finalidade recoñecer e divulgar o traballo desenvolvido durante dúas décadas desde os EDNL cos obxectivos principais de promover unha imaxe positiva do galego e de favorecer a visibilización e uso do idioma nas actividades dos centros.

Estas iniciativas son, dunha banda, unha exposición de revistas elaboradas polos EDLG desde o inicio da súa andaina, que pode visitarse no Museo Pedagóxico de Galicia ata o 15 de marzo de 2012 e, doutra, unha mostra virtual de 20 experiencias dinamizadoras desenvolvidas polos EDLG na actualidade, entre as que se atopan diversas propostas actuais para todas as etapas educativas, accesibles desde o web da Secretaría Xeral de Política Lingüística  www.xunta.es/linguagalega

 

Menús News node R