O percusionista e director da “The World Orchestra”, Josep Vicent, incorpórase ao elenco de Galician Conection que terá lugar na Cidade da Cultura do 11 ao 13 de abril
Xunto a Vicent estará o mestre cubano Paquito D’Rivera, un dos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa Wu Tong, o mestre de táboa india, Sandeep Das, o arxentino Emilio Solla e os galegos Anxo Pintos e Guadi Galego
Os participantes contarán cun programa formativo exclusivo con clases prácticas, encontros “cara a cara” a cargo dos seis músicos convidados, ademais de foros, debates participativos e un concerto no Museo de Galicia
O programa inclúe un Foro no que se abordará a World Music dende o punto de vista da programación e aberto a 50 persoas máis a un prezo de 10€; e un concerto de clausura no Museo de Galicia o venres á noite a cargo dos músicos convidados
O recoñecido percusionista e actual director da “The World Orchestra”, Josep Vicent, incórporase ao elenco musical de Galician Connection, tres xornadas internacionais ao redor das músicas do mundo que terán lugar na Cidade da Cultura do 11 ao 13 de abril. Baixo a dirección artística de Cristina Pato e a colaboración especial do mestre cubano Paquito D’Rivera, Vicent será un dos sete músicos internacionais que impartirán un programa formativo exclusivo con acceso a ensaios, clases prácticas e encontros “cara a cara”.
Compartindo experiencias con este músico nestas xornadas estará undos máximos expoñentes da cultura tradicional chinesa, líder da primeira banda de rock en soar na televisión nacional e posuidor de varios Grammys, Wu Tong; o discípulo de Ravi Shankar e mestre de táboa india Sandeep Das e; unha das figuras máis influíntes dentro do “tango-jazz”, o arxentino Emilio Solla; ademais do músico, arranxista e compositor de jazz cubano Paquito D’Rivera e os ex membros de Berrogüetto, Anxo Pintos e Guadi Galego como representantes da cultura musical galega.
Embaixador da Fundación Cultura de Paz
Con máis de trinta álbums as súas costas e colaboracións con destacados solistas internacionais do mundo do jazz como Michail Borstlap, da música étnica como Yuldus Usmanova ou do rock como Terruz Bozzio, o valenciano Josep Vicent asumiu en 2004 a dirección da “The World Orchestra”, formación nova, solidaria e internacional que sitúa a música noutro plano para utilizala como medio comunicador de ideas e como escenario para divulgar a implicación social dos mozos de máis de 50 países que a forman. Un cometido que lle leva a realizar actividades diplomáticas como a xira de celebración da Paz en Asia ou América Central, o espectáculo no Grec de Barcelona en Memoria da Guerra Civil, os concertos Unesco ou os Concertos para refuxiados de Líbano que lle valeron a Vicent o seu nomeamento como Embaixador da Fundación Cultural de Paz en 2009.
Os amantes da música que se inscriban en Galician Connection participarán nun programa de formación exclusivo impartido por estes sete mestres, que inclúe foros de debate ao redor da World Music, asistencia a ensaios e clases prácticas onde descubrir novas técnicas instrumentais e sonoridades comúns, e encontros "cara a cara", onde cada participante poderá falar co músico convidado co que desexe tratar dunha forma directa e persoal. Ademais, Galician Connection reserva a mañá do venres 13 de abril para que todos eles poidan achegarse á figura dun músico único como é Paquito D’Rivera, nunha sesión que misturará clase maxistral, diálogo musical e encontro informal.
As prazas para participar en Galician Connection están limitadas a 40 a un prezo de 70 euros, 50 para estudantes. Para realizar a inscrición é preciso entrar en www.cidadedacultura.org e cubrir o formulario online dispoñible.
Un foro sobre World Music dende a programación
Galician Connection conta, ademais, con dúas actividades que se abren ao público non inscrito: o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible, no que se abordará a World Music dende o punto de vista da programación e a busca de novos mercados, e un concerto de clausura no Museo de Galicia.
Da man de responsables de festivais como o APAP de Nova York, o Festival Internacional de Jazz de Barcelona ou o HUM Ensemble que se celebra na India, o Foro Diálogo Intercultural e Desenvolvemento Cultural Sostible abordará as estratexias de posicionamento da música galega no mercado internacional, a elaboración das programacións dos eventos de prestixio ou modelos e experiencias de programación sostibles. As personas non inscritas no Galician Connection que desexeen asistir a este foro (11 de abril / 19 horas) poden comprar a súa entrada en www.cidadedacultura.org. O custe é de 10 euros.
O Museo de Galicia estrearase como escenario para concertos acollendo o Galician Connection ao Vivo, a actuación de clausura a cargo dos sete músicos convidados e da propia Cristina Pato, que interpretarán un repertorio orquestrado ao longo das tres xornadas no Gaiás e formado por pezas de cada unha das tradicións culturais que representan. As entradas para a asistir ao concerto de clausura poderán mercarse proximamente en www.servinova.com a un prezo de 12 euros.