A Xunta abre o prazo para que os centros se incorporen ao novo programa Innovatech FP

Educación destina 1,5 M€ a esta acción do Plan Innova FP, que mobilizará máis de 2.000 alumnos e 400 docentes de 100 centros durante dous cursos

Na primeira fase de implantación poderán adherirse 85 centros, que teñen de prazo ata o día 22 para tramitar as solicitudes

Os alumnos enfrontaranse a retos tecnolóxicos presentados por empresas e deberán propoñer solucións innovadoras que integren os coñecementos adquiridos

Dom, 12/11/2023 - 11:50
i

A Xunta de Galicia vén de abrir a convocatoria do novo programa InnovaTech FP, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades que ten como obxectivo o impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.

O programa, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, desenvolverase entre o presente curso 2023-24 e o próximo 2024-25, ao longo dos cales mobilizaranse máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP, o que suporá un investimento de 1,5M€ neste período.

InnovaTech FP está dirixido a centros públicos de Formación Profesional con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento. Agora ponse en marcha a primeira fase do programa coa convocatoria deste curso para un total de 85 centros educativos, que dispoñen de prazo ata o día 22 deste mes para conformar os equipos que traballarán na resolución dos retos. Nel pode participar alumnado de FP e persoas egresadas nos últimos dous anos de todos os centros públicos dependentes da Consellería.

Medio rural e igualdade

Con esta iniciativa búscase incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo último de acelerar a formación de novas empresas que fortalezan o tecido produtivo galego.

Así pois, os participantes terán que afrontar a solución de dez retos tecnolóxicos presentados por distintas empresas, e cuxas solucións deberán ter un impacto positivo no desenvolvemento do medio rural así como no fomento da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.

Para ilo, os alumnos traballarán organizados en equipos multidisciplinares onde se asegurará unha distribución equitativa de xénero para, ademais de habilidades e coñecementos, se promoverá a igualdade de oportunidades entre homes e mulleres. En definitiva, o seu labor será propoñer solucións innovadoras que integren os coñecementos adquiridos durante a súa formación a correspondente área.

Asesoramento do Centro Galego de Innovación da FP

Neste propósito, o Centro Galego de Innovación da FP, con sede en Ourense, exercerá de polo tractor, coa posta a disposición das súas instalacións e dos medios materiais e humanos necesarios ao servizo deste programa.

Neste senso, prestará apoio e orientación aos grupos de traballo no desenvolvemento dos seus proxectos e, ademais, os proxectos gañadores contarán coa área de emprendemento industrial do centro para a súa transformación nunha realidade comercial viable.