A Consellería de Cultura e Educación lanza o web ‘Eucirculo’ para sensibilizar a comunidade escolar en materia de educación viaria

Trátase dunha iniciativa innovadora que dá cumprimento ao compromiso adquirido pola Consellería neste eido

O novo sitio temático arrinca co impulso da campaña ‘Nun segundo... cambia a túa vida’

Ven, 24/02/2012 - 12:05
A Consellería de Cultura e Educación lanza o web ‘Eucirculo’ para sensibilizar a
A Consellería de Cultura e Educación lanza o web ‘Eucirculo’ para sensibilizar a comunidade escolar en materia de educación viaria

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de lanzar o novo web ‘Eucirculo’, un sitio temático co que se procura a sensibilización da comunidade educativa en todo o referente á educación viaria. O web arrinca coa posta en marcha da campaña ‘Nun segundo... cambia a túa vida’, de sensibilización diante das consecuencias dos accidentes de tráfico, en colaboración co Instituto de Educación Viaria da Fundación MAPFRE.

Trátase dunha iniciativa innovadora, que ofrece aos membros da comunidade escolar un sitio de referencia das actividades e recursos que neste ámbito se ofrecen en Galicia. Deste xeito a Consellería completa os seus compromisos no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2011/2015 e que fai fronte aos complexos retos da educación e da seguridade viaria na nosa Comunidade, un compromiso adquirido polo departamento educativo da Xunta de Galicia desde o inicio da lexislatura.

O espazo web ‘Eucirculo’ (/portal/eucirculo ) organízase en dous bloques principais, ‘Actividades’ e ‘Recursos’, que comparten na portada espazo coas campañas destacadas, un glosario de educación viaria e unha sección de ligazóns recomendadas que se irán completando coa colaboración dos centros e de todas as institucións e entidades que estean desenvolvendo programas e actividades de educación viaria en Galicia. No bloque de Actividades iranse colgando todas aquelas accións que se ofrezan ou se teñan realizado nos centros e as actividades de formación que están a dispor dos implicados no proceso educativo. No apartado de Recursos aparecerán informes, documentos, experiencias de boas prácticas nos centros, axudas, premios e ferramentas que favorezan o desenvolvemento da Educación Viaria nos centros e no seu contorno.

A portada complétase con pestanas para os apartados ‘O máis recente’, onde se ofrece toda a información publicada na web; e a sección ‘Normativa’, na que irá aparecendo toda a lexislación educativa e formativa relacionada coa educación viaria.

Este espazo web está plenamente integrado no Portal Educativo da Consellería dentro do proxecto de reorganización do mesmo polo que xa se levan creados os novos espazos do Boletín Informativo, de Innovación Educativa, de Linguas Estranxeiras e de Atención á diversidade e Orientación.

Actividades formativas

‘Eucirculo’ recolle tamén as actividades de formación en materia de educación viaria impulsadas pola Consellería. Neste eido acábase de iniciar na Plataforma de Teleformación Galega (Platega) o curso “Estratexias didácticas de Educación para a Seguridade Viaria no ensino non universitario”, no que participan 100 profesores. Ademais ofrécense as gravacións en vídeo dos relatorios da Xornada de Educación para a Seguridade Viaria, en ambos casos actividades incluídas no Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2011/2015.

Outras iniciativas teñen que ver cos obradoiros ofrecidos polas Xefaturas Provinciais de Tráfico de Galicia ou campañas como a que se inicia coa inauguración de Eucirculo para sensibilizar á xuventude sobre as consecuencias dos accidentes de tráfico.

‘Nun segundo... cambia a túa vida’

Na inauguración do sitio temático Eucirculo ten unha especial relevancia o lanzamento da campaña de sensibilización ante as consecuencias dos accidentes de tráfico ‘Nun segundo... cambia a túa vida’, (/portal/node/3554) ofrecida en colaboración co Instituto de Educación Viaria da Fundación MAPFRE. Esta iniciativa didáctica parte dun vídeo documental protagonizado por xente nova que sufre e convive coas consecuencias dun accidente de tráfico que cambia a súa vida de xeito radical.

Os principais obxectivos da campaña pasan pola sensibilización da xente nova sobre os perigos dunha condución imprudente e concienciala da obriga de ser bos condutores, o que esixe o cumprimento das normas. Ademais está previsto recoller a través dun cuestionario as condutas e as actitudes da xente nova ante a condución, a estrada e a seguridade viaria.

A campaña diríxese durante esta segunda parte do curso escolar 2011-2012 ao alumnado de 4º de ESO, bacharelato, ciclos formativos, Programas de Cualificación Profesional Inicial (PCPI) e de ensinanzas de réxime especial como a educación de persoas adultas.

Esta campaña consta de tres partes cunha duración aproximada dunha hora e, aparte do vídeo, ofrece un díptico informativo, unha guía para o profesorado, un cuestionario de avaliación en rede para o alumnado e unha ficha de seguimento para o profesorado responsable da actividade.