Vázquez Abad inaugura en Santiago a mostra Ilustramundos, un percorrido pola diversidade cultural a través da arte

O conselleiro de Cultura e Educación sinalou que “esta mostra propón diferentes estilos e formas de ilustrar conceptos, técnicas e tradicións artísticas ademais dunha viaxe por distintas culturas a través da súa arte”

A exposición, organizada polo campUSCulture poderá verse no Pazo de Fonseca ata o 20 de abril

Lun, 20/02/2012 - 20:10
O conselleiro durante a inauguración da mostra
O conselleiro durante a inauguración da mostra

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad inaugurou esta tarde a mostra IlustraMundos, enmarcada dentro do congreso Ilustrando a diversidades: Ilustración e cultura galega, en Santiago de Compostela.

Na súa intervención o conselleiro destacou que “propón diferentes estilos e formas de ilustrar conceptos, técnicas e tradicións artísticas ademais dunha viaxe por distintas culturas a través da súa arte e distintas olladas que son expresións vivas da diversidade”.

Durante o seu relatorio Vázquez Abad enmarcou Santiago de Compostela dentro da exposición sinalando que nesta cidade “hai unha característica inherente, o seu cosmopolitismo. É unha cidade cultural de primeira orde, centro de comunicación e intercambio de ideas, amplamente aberto ao mundo polo Camiño de Santiago e, por suposto, pola súa universidade”. A isto engadiu que “no mundo global de hoxe as barreiras espaciais en moitos casos minguaron ou disolvéronse. Correspóndenos a nós perfeccionar ese traballo secular de coñecemento, cooperación, respecto mutuo e solidariedade. E un dos mellores xeitos de facelo é a través da creación e dun xénero tan importante desde a óptica educativa como é a ilustración”.

Percorrido cultural

IlustraMundos organizada polo campUSCulture, un proxecto liderado pola Universidade de Santiago e cofinanciada pola Culture Agency da Comisión Europea, realiza un itinerario por distintas culturas da man da ilustración, é un perquirido por diferentes estilos, formas de ilustrar conceptos, criterios básico, técnicas e tradicións culturais.

Así, móstranse 111 pezas orixinais realizadas en óleo, colaxe, pintura dixital, vídeo, escultura, acrílico, material reciclado, pastel, acuarela, rotulador, tinta e lapis. Todas elas unidas conforman un perquirido a través das obras asinadas pola arxentina Mónica Weiss; o sudafricano Piet Grobler; a catalana Carme Solé Vendrell; a polaca Joanna Domanska; o suízo Marc Taeger; a vasca Elena Odriozola; o frisón holandés Machiel Braaksma; o brasileiro Fernando Vilela; a lituana Kristina Sabaite; e os galegos Antonio Seijas e David Pintor. Respecto destes últimos Xesús Vázquez Abad sinalou que “son representantes da rica tradición da ilustración galega que, durante os últimos corenta anos medrou e consolidouse como realidade artística de primeiro nivel”. 

No acto desta tarde estiveron presentes o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o reitor da Universidade de Santiago, Juan Casares Long; a vicerrectora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continúa, Francisco Durán Villa; e o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, José Pereira Fariña, entre outros.

A mostra poderá visitarse no Pazo de Fonseca ata o vindeiro 20 de abril, e unha vez rematada a exposición as obras quedarán na universidade compostelá. Cómpre recordar que é IlustraMundos abre hoxe as súas portas a todos os que se acheguen ata a súa ubicación. Entre eles se atopanse os máis de 150 congresistas que desde hoxe e ata o mercores asisten ao congreso internacional Ilustrando a diversidade.

Menús News node R

Tema