Os premios concedidos ao profesorado que desenvolveu novos contidos educativos dixitais, xa están dispoñibles no repositorio de contidos do espazoAbalar

Lun, 20/02/2012 - 16:30
Os premios concedidos ao profesorado
Os premios concedidos ao profesorado que desenvolveu novos contidos educativos dixitais, xa están dispoñibles no repositorio de contidos do espazoAbalar

O repositorio de contidos educativos do espazoAbalar amplíase con 128 novos recursos co que na actualidade chegamos aos 896 contidos educativos para educación primaria e secundaria, en varios idiomas: galego, castelán, inglés e francés.

Ademais, o repositorio continua mellorando a súa oferta incluíndo traballos seleccionados nas convocatorias PALE, Licenzas de estudo, outros premios da Consellería, materiais producidos en cursos de Platega,... así como aqueles traballos que os docentes remiten á Consellería para a súa difusión.

Neste esforzo por poñer a disposición da comunidade educativa recursos dixitais axeitados para o seu uso coa tecnoloxía despregada nos centros, a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica impulsou, entre outras medidas, unha convocatoria de premios ao profesorado de centros sostidos con fondos públicos para o desenvolvemento de novos contidos educativos.

Entre os recursos actualizados no espazoAbalar, están os recursos premiados nesta convocatoria, que tiña como obxectivo o desenvolvemento curricular a través da produción e publicación de obxectos de aprendizaxe dixitais a través de soportes tecnolóxicos en diferentes materias e niveis educativos.

En total son 9 os premios concedidos ao profesorado que desenvolveu novos contidos educativos dixitais en 2011 (DOG do 29 de novembro de 2011). Son os seguintes:

El tesoro de la gruta (Operaciones con decimales)

Ciclo de primaria, modalidade 3 (Matemáticas ou Educación Física)
Autora:
Carmen López Fernández

Trátase dunha aventura gráfica feita con LIM, na que Martín e Martina precisan descubrir cinco números segredos que son o resultado de cinco operacións con números decimais.

A meteoroloxía e os climas do mundo

Ciclo de secundaria, modalidade 2 (Xeografía e Historia)
Autor:
Alberte Xosé Méndez López

É unha secuencia didáctica con animacións e actividades para traballar a meteoroloxía e os climas do mundo.


Xeografía e Historia no 1º Ciclo da ESO

Ciclo de secundaria, modalidade 2 (Xeografía e Historia).
Autor:
José Luís Rodríguez Rodríguez

Esta unidade didáctica está realizada en LIM para o 1º ciclo da ESO. En total son 16 unidades para o 1º nivel e 18 para o 2º nivel.


Peixes

Ciclo de secundaria, modalidade 3 (Ciencias da Natureza).
Autor:
José Carlos Vázquez Martínez

Trátase dunha unidade didáctica en soporte web que pretende, cun enfoque claramente didáctico, proporcionar información básica pero, ao mesmo tempo, rigorosa acerca dalgúns dos peixes máis representativos, abordando os principais aspectos da súa bioloxía, anatomía, fisioloxía e reprodución; así como tamén a súa utilidade dende o punto de vista pesqueiro, alimentario e gastronómico.

A atmosfera terrestre

Ciclo de secundaria, modalidade 3 (Ciencias da Natureza).
Autores:
Juan Vicente Poza Bóveda e María José Mariño Pino

É unha unidade didáctica para o estudo da atmosfera terrestre: a súa composición, estrutura, evolución, dinámica atmosférica, parámetros e mapas e contaminación atmosférica.

Ortografía

Ciclo de secundaria, modalidade 5 (Lingua Galega e Literatura)
Autora:
Beatriz Real Pérez

Esta unidade didáctica está feita co Exe-Learning e ten como obxectivo mellorar os coñecementos de ortografía do usuario da lingua galega. Está pensada para ser abordada en 7 ou 8 sesións.


El juego de la lengua

Ciclo de secundaria, modalidade 6 (Lingua Castelá e Literatura)
Autores:
Jorge Pedrosa Rúa e Isabel Vázquez Cortés

Trátase dunha aplicación con 14 xogos educativos para 23 temas do programa de 1º de ESO divididos en tres seccións: lingua, tipoloxía textual e literatura.

Camino de leyendas

Ciclo de secundaria, modalidade 6 (Lingua Castelá e Literatura)
Autores:
Jorge Pedrosa Rúa e Isabel Vázquez Cortés

É unha unidade didáctica para traballar diferentes aspectos curriculares da área de lingua castelá usando como nexo condutor "O Camiño de Santiago".
 

A narración

Ciclo de secundaria, modalidade 6 (Lingua Castelá e Literatura)
Autoras:
María Isabel Blanco Arnejo e María Consuelo Vázquez Rozas.

Esta unidade didáctica está feita en LIM con cuestións de lingua castelá. Reúne aspectos relativos aos contidos de comunicación, literatura, gramática e vocabulario.