A Xunta lanza ‘InnovaTech FP’ para o impulso de proxectos tecnolóxicos por parte dos alumnos e a transferencia de coñecemento ás empresas
Esta acción da Consellería de Educación, enmarcada no Plan Innova FP, mobilizará máis de 2.000 alumnos e 400 docentes de 100 centros durante dous cursos
Lanzaranse 90 proxectos de tecnoloxía avanzada cuxa última finalidade é lograr transferir resultados aos distintos sectores produtivos da comunidade
O Centro Galego de Innovación da FP exercerá de polo tractor destas iniciativas, poñendo á disposición as súas instalacións e os medios materiais e humanos
O proxecto, que foi analizado no Consello de hoxe, suporá un investimento de 1,5 M€
Entre os obxectivos específicos figura o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que axuden á redución da fenda de xénero
A Xunta velará pola propiedade industrial dos proxectos xerados nos centros educativos cun protocolo de protección específico para a FP galega
O Consello da Xunta analizou hoxe un informe da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no que se dá conta do lanzamento do programa InnovaTech FP, unha nova iniciativa enfocada ao impulso da innovación tecnolóxica por parte do alumnado de Formación Profesional e a transferencia de coñecemento aos sectores produtivos.
O programa, enmarcado na Estratexia de FP Galicia 2030 e no Plan Innova FP Galicia, mobilizará máis de 2.000 alumnos e 400 profesores de 100 centros de FP durante o curso 2023-24 e 2024-25, e suporá un investimento de 1,5M€ neste período.
Entre os obxectivos específicos do programa están o de xerar innovación aplicada que poida derivar no desenvolvemento de proxectos de emprendemento tecnolóxico e industrial, a resolución de retos tecnolóxicos dos sectores produtivos galegos, o fortalecemento da colaboración público-privada, o desenvolvemento do rural e a promoción de liñas de actuación que colaboren na redución da fenda de xénero.
Con esta iniciativa búscase incentivar, entre o alumnado e os titulados de FP que contan cunha alta formación tecnolóxica, o desenvolvemento de proxectos avanzados no eido tecnolóxico e industrial co obxectivo último de lograr unha transferencia de coñecemento cara as empresas dos distintos sectores produtivos da Comunidade.
Neste propósito, o Centro Galego de Innovación da FP, con sede en Ourense, exercerá de polo tractor, coa posta a disposición das súas instalacións e dos medios materiais e humanos necesarios ao servizo deste programa.
85 centros en primeira convocatoria
InnovaTech FP está dirixido a centros educativos de Formación Profesional con dinámica de investigación, innovación e emprendemento, e que contan con viveiros de empresas ou aulas de emprendemento.
Na primeira convocatoria deste curso, o programa chegará a 85 centros educativos, coa participación de ata 1.020 alumnos e a implicación de dez empresas. Na convocatoria do próximo curso o obxectivo é acadar os 100 centros participantes e máis de 2.000 alumnos e 400 docentes implicados, entre coordinadores de emprendemento e de innovación, profesorado especializado e integrantes de equipos directivos, así como ata 30 empresas involucradas.
O programa abordará unha serie de retos tecnolóxicos relacionados cos sectores identificados no Plan Conecta FP que serán propostos polas empresas da comunidade, e que deberán ter un impacto no medio rural así como avogar pola igualdade de oportunidades entre homes e mulleres.
No plan de traballo establecido, o alumnado dos diferentes ciclos formativos deberá afrontar estes desafíos en equipos multidisciplinares e equilibrados en canto á representación de xénero, integrados por catro persoas. O seu labor será propoñer solucións innovadoras que integren os coñecementos adquiridos durante a súa formación a correspondente área. Cada centro poderá presentar un máximo de tres proxectos.
Protección da propiedade industrial
Doutra banda, cómpre salientar que a Xunta de Galicia vai velar pola protección da propiedade industrial dos resultados dos proxectos xurdidos do traballo do alumnado nos centros educativos. Para ilo, establecerase un novo Protocolo de protección da propiedade intelectual no ámbito da FP galega, que fixará as bases para a súa xestión e o rexistro de patentes para os centros educativos, profesorado, alumnado e egresados. Incluirá unha carteira de servizos que permitirá contribuír ao desenvolvemento tecnolóxico e á mellora da competitividade do tecido produtivo galego.