A Xunta e a fundación MOP convocan estadías de formación en Italia para estudantes de ensinanzas artísticas en fotografía

Outorgaranse catro bolsas para alumnado das catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, que inclúen viaxe, aloxamento e estadía gratuíta.

Os seleccionados participarán nun programa educativo na Fundación Sozzani de Milán, onde desenvolverán un proxecto fotográfico baixo a supervisión de expertos.

Os interesados dispoñen de prazo ata o 21 de xullo para presentar solicitude.

Mér, 12/07/2023 - 15:11
Estadías en Italia para ensinanzas artísticas en fotografía

A Xunta de Galicia convoca estadías de formación no estranxeiro dirixidas a estudantes que finalizaran o segundo curso do ciclo formativo de grao superior correspondente ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia.

Esta convocatoria, cuxas bases poden consultarse no Portal Educativo, é froito dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Fundación MOP.

En total, outorgaranse catro bolsas de estudo (a razón de unha por cada escola) na Fundación Sozzani, en Milán, con dereito á viaxe, aloxamento, programa educativo e manutención de balde entre outubro e decembro deste ano. As persoas seleccionadas desenvolverán un proxecto fotográfico baixo a supervisión de titores. Ademais, accederán a clases maxistrais con fotógrafos relevantes, participarán en eventos fotográficos, así como nas actividades da propia fundación e asistirán ao festival PhotoVogue. A maiores, realizarán unha viaxe académica e cultural a cidades como París ou Roma, e desenvolverán actividades en colaboración con escolas de arte, imaxe e fotografía francesas e italianas.

 

Requisitos

Os estudantes que opten a estas bolsas deberon estar matriculados o pasado curso 2022-23 no segundo curso do ciclo formativo de grao superior corresponde ao título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño en Fotografía nalgunha das catro escolas de arte e superiores de deseño de Galicia, e ter superado integramente o primeiro e o segundo curso do dito ciclo formativo ao remate do prazo de presentación de solicitudes.

Tamén teñen que aportar certificación dun nivel de competencia lingüística B2 ou superior en lingua inglesa, currículum vítae acompañado de documentación gráfica relativa a un proxecto de fotografía.

Do total de solicitudes, entre as que cumpran os requisitos, seleccionaranse os tres mellores expedientes de cada escola de arte e superior de deseño, que deberán superar unha entrevista na que se valorará con ata dez puntos o currículum vítae, a calidade do proxecto de fotografía, o coñecemento e interese acerca da fotografía de moda, a motivación e grao de madureza para realizar a estadía e a claridade e corrección técnica das respostas. A partir de aí, a comisión avaliadora, formada por profesionais expertos neste ámbito, establecerá a orde de adxudicación das bolsas.