Creadores e empresarios analizan novas fórmulas de cooperación no encontro de economía e cultura no Gaiás
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, destacou no acto inaugural a necesidade de situar a cultura como “un sector estratéxico para o desenvolvemento social e económico”
O encontro, que se celebra hoxe e mañá, abordará novidosas formas de financiamento de proxectos culturais, coma o crowdfunding, ou sistemas de traballo baseados na cooperación, como o coworking ou as redes sociais de ideas
Artistas, creadores e empresarios analizan na Cidade da Cultura novas fórmulas de cooperación para impulsar proxectos culturais no marco do Encontro Internacional de Economía e Cultura, inaugurado esta mañá polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.
Co reto de crear un espazo de encontro permanente entre o mundo da cultura e o da empresa para fomentar a colaboración entre estes dous sectores, a Cidade da Cultura pon en marcha este foro, que ten como obxectivo comezar a establecer canles fluídas de intercambio de ideas e de cooperación entre o mundo da cultura e o da empresa, segundo explicou Anxo Lorenzo.
Sector estratéxico para o desenvolvemento económico
O secretario xeral destacou, ademais, a necesidade de concibir o sector da cultura como “un sector estratéxico que persegue o desenvolvemento social e económico e que supera o concepto de lecer para converterse nunha fonte de riqueza e xeradora de emprego”. A este respecto, sinalou que o encontro se enmarca nunha liña de traballo iniciada no 2011 pola Cidade da Cultura, que busca potenciar e incrementar a cualificación dos profesionais do tecido cultural galego e facilitarlles novas ferramentas que lles permitan medrar nuns mercados fortemente competitivos.
No marco do encontro presentaranse experiencias de éxito, algunhas procedentes de países como Portugal ou Suecia, que poden “contribuír a dinamizar o sector empresarial e cultural, así como axudar a fortalecer o tecido produtivo galego”, dixo o secretario xeral. Ao fío disto afirmou que “a Cidade da Cultura quere exercer ese papel de achegar a Galicia tendencias internacionais novas, como un enriquecemento da xestión cultural e tamén das nosas políticas culturais.
Economía creativa en Galicia
Nesta primeira xornada, o Encontro Internacional de Economía e Cultura comezou coa presentación de dous informes sobre economía creativa en Galicia a cargo do director de Agadic, Juan Carlos F. Fasero, e o coordinador do Observatorio da Cultura do Consello da Cultura Galega, Hakan Casares. A continuación desenvolveuse a primeira das mesas redondas, na que se debateu a necesidade de colaboración entre empresa e cultura ante un escenario especialmente difícil e a necesidade de ver a cultura como un elemento transversal.
O financiamento é un dos piares sobre os que se asenta calquera proxecto –sexa cultural ou empresarial-, de aí a necesidade de estudar novas vías que resulten atractivas para as dúas partes. Este será precisamente o eixe da segunda das mesas redondas, onde se presentarán fórmulas clásicas como o patrocinio e o mecenado xunto a outras máis novidosas como o crowdfunding ou microfinanciamento a través de casos prácticos a cargo de Gadisa e a Royal Acadamy of Arts, a firma Cuatrecasas ou o Colectivo Dóna Gustet, respectivamente.
Ademais, deseñadores, directores artísticos e consultores de estratexia en liña contarán en primeira persoa como a incorporación dun artista/creador a unha empresa tradicional pode ser decisiva para o crecemento. Así, a deseñadora Uqui Permui relatará como a creación dunha imaxe diferenciadora a través do deseño permite atraer a novos públicos tal e como demostra a súa experiencia coa firma Genesal; Pia Areblad, da firma sueca Tillt exporá a implicación dun creador no proceso de produción para xerar proxectos innovadores; e Roberto Carreras dende Plan B porá o acento en conceptos como orixinalidade e a estratexia en liña para lograr o éxito.
A primeira xornada do Encontro Internacional de Economía e Cultura pecharase coa presenza de sete emprendedores que, en formato Pecha Kucha –presentacións de breve formato áxiles e dinámicas-, darán a coñecer as súas iniciativas empresariais no ámbito do deseño, a formación, a música ou a arte. Este espazo contará con firmas consolidadas e cunha longa traxectoria de colaboración como Martín Códax pero tamén con outras máis emerxentes como Cenlitrosmetrocuadrado, NóComún, Vilaxoan ou a portuguesa Maus Hábitos.
Redes sociais de ideas
A xornada de mañá posibilitará que axentes dun e outro sector poidan estreitar lazos coa presentación de oito proxectos novidosos nos que o talento creativo se combina con empresas aparentemente distantes e para os que se busca compañeiro de viaxe a través das Reunións de traballo e itinerarios pola Cidade da Cultura. Entre eles estará o deseñador e responsable de Espazo Showroom, Juan Ares, que exporá a súa alianza coa empresa de acuicultura Chicolino, dedicada a fabricar redes e cordas, para lanzar unha nova liña de produtos elaborados con estes materiais. Ou a firma viguesa Sinsal, que tras dez anos dedicada á promoción de concertos para público escollido e con aforos limitados, pretende favorecer un intercambio de servizos con outros sectores.
Previamente, o Encontro acollerá unha mesa redonda centrada na busca de innovación e novas fórmulas de traballo en ambos os dous sectores, ofrecendo exemplos das últimas tendencias neste eido como o coworking, no que profesionais de diversos sectores traballan en conxunto, xa sexa para lograr a mellora empresarial como CIB Bilbao ou para levar a cabo proxectos culturais como fai Utopic_Us; ou as redes sociais de ideas, campo no que destaca o proxecto Ideas4all: web onde compartir ideas, problemas e solucións de todo tipo.