A Xunta aproba o decreto que ratifica a conxelación das taxas universitarias para o vindeiro curso, cun aforro de 16M€ para as familias

O Consello da Xunta dá visto bó ao texto de prezos públicos por servizos académicos no Sistema Universitario de Galicia do que xa fora informado o pasado mes de maio

Os prezos medios de todas as matrículas sitúanse en 11,89 €/crédito, exactamente igual que ata o de agora, co que son xa 13 os anos consecutivos sen subas

Xov, 22/06/2023 - 16:00
p

A Xunta aprobou hoxe o decreto que ratifica a conxelación dos prezos das matrículas universitarias para o vindeiro curso, un texto do que o Consello xa fora informado hai unhas semanas e que agora se aproba. Con este decreto, Galicia suma así xa 13 anos consecutivos nos que os prezos das matrículas universitarias non varían.

O decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso 2023-24 establece un prezo promedio de 11,89 €/crédito para todas as primeiras matrículas de grao e de máster non habilitantes (enfocados á especialización de coñecemento ou á investigación científica) e habilitantes (necesarios para exercer unha profesión). Isto fai que Galicia sexa a comunidade máis barata do Estado nos estudos de máster non habilitante e a segunda no caso dos graos e de máster habilitante (tan só superada por Canarias).

Esta medida supón, ademais, un aforro de preto de 16 millóns de euros en matrículas para as familias galegas con estudantes universitarios, en contías que van dos 215,40 €/curso de aforro para un estudante de grao aos 236,40€/curso para un estudante dun máster habilitante e os 962,40 €/curso no resto de másteres universitarios.