A Xunta destina preto de 7,6M€ para 49 contratos posdoutorais de formación inicial no sistema galego de investigación

O Consello dá luz verde a estas axudas, cuxos beneficiarios recibirán 32.000€ anuais durante tres anos ademais de complementos de ata 2.000€ segundo o lugar de destino

Estas axudas enmárcanse na aposta do Goberno galego por favorecer a carreira científica e o desenvolvemento dun sistema galego de investigación forte especializado

Xov, 22/06/2023 - 15:53
p

O Consello da Xunta vén de aprobar a orde conxunta entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Consellería de Economía, Industria e Innovación pola que se convocan as axudas de apoio á formación inicial posdoutoral por un importe de 7.575.340€ e un total de 49 contratos científicos para o ano 2023.

Con esta orde, xunto coa aprobada recentemente de contratos posdoutorais de continuidade, que suman 10M€, o Goberno galego implementa un ano máis o programa de formación posdoutoral que ten por obxectivo incorporar persoal investigador ao sistema de I+D+i galego, fomentando, na súa etapa inicial, a adquisición e perfeccionamento de habilidades e a mobilidade internacional para mellorar a súa capacitación.

As axudas van destinadas ás tres universidades públicas galegas, aos organismos públicos de investigación da comunidade autónoma, ás fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Profesor Novoa Santos, Fundación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutor para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos. Ademais, isto vai permitir a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro ou, en casos excepcionais, en centros de I+D+i de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Estadías

Nesta modalidade de apoio a etapa de formación posdoutoral convócanse un total de 49 axudas por un importe total de preto de 7,6M. Os beneficiarios accederán a un contrato de investigador de tres anos de duración e cun salario bruto anual de 32.000 €.

Ademais do soldo base anual, por cada mes de estadía, os beneficiarios recibirán un complemento de 1.000 euros (Portugal ou Andorra), 1.500 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América (agás Estados Unidos e Canadá) e 2.000 euros se o destino da estadía está en Estados Unidos, Canadá, Asia ou Oceanía.

Así mesmo, as persoas investigadoras que acaden a condición de bolseiras Fulbright recibirán a maiores outra contía de 500 euros brutos mensuais durante cada período de estadía en Estados Unidos.