O sistema educativo galego incrementará o vindeiro curso os auxiliares de conversa ata os 655 para seguir impulsando a aprendizaxe de linguas estranxeiras

O Consello da Xunta dá luz verde a acordos co Ministerio de Educación e coa Comisión Fulbright por importe de máis de 4,2M€ para este fin

Aumentan en 18 o número nas aulas galegas destas persoas, que funcionan como apoio ao ensino de inglés, francés, portugués, alemán e chinés

Xov, 22/06/2023 - 15:41
a

O sistema educativo galego incrementará o vindeiro curso o número de auxiliares de conversa ata os 655 ao abeiro de diferentes vías, ben directamente financiados pola Xunta, ben a través da colaboración interinstitucional co Ministerio de Educación, co Instituto Confucio, co Instituto Camões ou coa Comisión Fulbright.

O Consello da Xunta deu hoxe luz verde aos acordos co Ministerio de Educación e coa Comisión Fulbright por importe de máis de 4,2M€ para este fin. A través deles, aumenta en 18 o número nas aulas galegas destas persoas, que funcionan como apoio ao ensino de inglés, francés, portugués, alemán e chinés.

A figura da persoa auxiliar de conversa é un elemento clave para acercar a realidade cultural e lingüística do seu país de orixe ao alumnado galego. Deste xeito, estas persoas levan a cabo un importante servizo complementario, ao apoiaren o labor do profesorado, facilitando as prácticas de conversa en linguas estranxeiras. Ademais, representan un auténtico vehículo de achegamento á cultura dos países onde se fala a lingua obxecto de estudo, polo que contribúen a reforzar o labor docente na compoñente de multiculturalidade.

A estes 525 auxiliares destes acordos engadiranse proximamente o resto dos auxiliares que se incorporarán ao sistema educativo galego a través das devanditas vías de colaboración con outras institucións, sumando un total de 655 auxiliares de conversa para o vindeiro curso.

Máis de 4,2M€

No caso da colaboración co Ministerio, serán en total 485 auxiliares (453 de lingua inglesa, 15 de lingua francesa, oito de lingua portuguesa, sete de lingua alemá e dous de chinés). Estes profesionais desenvolverán a súa actividade maioritariamente en centros plurilingües, escolas oficiais de idiomas e centros educativos con seccións bilingües. Así mesmo, recibirán unha axuda económica e realizarán funcións de apoio á docencia da lingua estranxeira no centro de destino, sempre supervisados por unha persoa profesora titora-coordinadora.

A Xunta financia de xeito íntegro a estadía destas persoas en Galicia, ademais de asignalos aos diferentes centros plurilingües, con seccións bilingües ou escolas oficiais de idiomas

No referido ao acordo coa Comisión Fulbright, permitirá dotar o sistema educativo galego de 40 auxiliares de conversa estadounidenses de alto perfil académico. Neste caso a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades financia o 86% do convenio de colaboración.

Edulingüe 2030

Esta liña de actuación está enmarcada na nova Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que ten como obxectivo para os próximos anos consolidar os programas de éxito desenvolvidos na última década no impulso do plurilingüismo, en concreto na liña de impacto 5, centrada nas dinámicas de alta especialización de apoio lingüístico. A estratexia está dotada con 83M€ para a súa primeira fase de implantación, ata 2025.

O modelo plurilingüe, que arrancou en Galicia no curso 2010-11, está implantado en 465 centros de toda Galicia e acada os 100.000 alumnos beneficiados fronte aos 12.500 con seccións bilingües no curso 2008/09.

Ademais, as bolsas Fulbright contribúen tamén a consolidar resultados nos que Galicia é a Comunidade autónoma con alumnos con mellor nivel de inglés segundo o ranking internacional EF EPI, o único baseado en avaliacións do idioma realizadas por 2,1 millóns de persoas de 111 países. E tamén Galicia é un referente en todo o Estado en respecto e tolerancia como indican os resultados do último informe PISA. O alumnado galego sitúase nos primeiros postos, por riba da media de España e do conxunto dos países da OCDE.