O secretario xeral de Cultura entrega os premios do concurso de relatos breves en lingua galega Typewriter. A historia escrita á máquina da Cidade da Cultura

Mariña Pena Blanco, Leticia Vázquez Bengochea e María Tallón Queija foron as gañadoras nas categorías infantil, xuvenil e adulto, respectivamente. Os segundos premios recaeron en María Villamor López, Sara Azidane Chenlo e Serxio Otero

Anxo Lorenzo felicitou tanto os gañadores como as 119 persoas que participaron no certame e fixo entrega dun iPad para os primeiros premios e dun lote de produtos da Cidade da Cultura para os segundos

Mér, 15/02/2012 - 19:03
A historia escrita á máquina da Cidade da Cultura
O secretario xeral de Cultura entrega os premios do concurso de relatos breves en lingua galega Typewriter. A historia escrita á máquina da Cidade da Cultura

A Cidade da Cultura acolleu esta tarde a entrega de premios do concurso de relatos breves en lingua galega “Typewriter. A Historia escrita á máquina. Colección Sirvent”, no que participaron un total de 119 persoas nas súas tres categorías: infantil, xuvenil e adulto. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, foi o encargado de entregarlles os premios aos gañadores, aos que felicitou polos seus traballos. Unha felicitación que fixo extensible ao resto dos participantes.

Na categoría infantil, o xurado proclamou gañadora a Mariña Pena Blanco, de 12 anos e veciña da Estrada, polo seu relato Memorias dunha máquina de escribir. Mentres, o segundo premio recaeu en María Villamor López coa historia titulada A princesa da Lúa.

A gañadora na categoría xuvenil foi a ourensá Leticia Vázquez Bengochea, de 16 anos, co relato Arma dos pacíficos. Pola súa banda, o segundo premio recaeu en Sara Azidane Chenlo, tamén de 16 anos e veciña de Pontecesures, por Unha tumba de metal.

Xa na categoría de adulto, o primeiro premio foi para María Tallón Queija e a súa historia Con vistas ao Atlántico, mentres que o segundo premio recaeu en Serxio Otero polo relato Tipistas e Artefactos.

O talento dos gañadores recoñeceuse cun iPad, mentres que os segundos clasificados recibiron un lote de produtos da Cidade da Cultura.

Máis de 100 relatos

A Cidade da Cultura recibiu un total de 119 relatos: 82 na categoría de adulto, 25 na de xuvenil e 12 na infantil. De entre todas as obras presentadas, o xurado destacou a variedade de perfís das autoras e dos autores, cun grande abano de idade, de formación académica e de ocupacións laborais.

Os textos presentados ao concurso de relatos breves en lingua galega “Typewriter. A Historia escrita á maquina. Colección Sirvent” non superaron as 1.000 palabras e tomaron como punto de partida a historia de tres das máquinas que formaron a exposición homónima que permaneceu na Cidade da Cultura dende o 24 de xuño ata o 8 de xaneiro deste ano. Tratouse da Olympia Mod. Robust, fabricada para o exército alemán na II Guerra Mundial e característica por levar incorporado no seu teclado o botón das ‘SS’; a Royal ‘Quiet de Luxe Gold’, utilizada por Iam Fleming para escribir as súas novelas sobre James Bond;  e a Sholes & Glidden, máquina que facilitou a incorporación da muller ao mundo laboral e cuxo teclado é o que temos hoxe en día nos ordenadores e teléfonos móbiles.

Menús News node R

Tema