A Xunta aproba unha axuda de 325.000€ para un novo científico do sistema universitario galego que acadou un contrato do Consello Europeo de Investigación

O Consello autoriza esta contía complementaria para o período 2023-27 para un investigador do programa europeo Consolidator Grants que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC

As universidades galegas contan con 12 investigadores con axudas ERC (European Research Council)

Desde 2012 o Goberno galego leva inxectado preto de 7M€ nesta acción

Xov, 08/06/2023 - 21:36
d

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Universidade de Santiago de Compostela (USC) cunha axuda complementaria de 325.000€ para un novo científico que acadou un contrato do Consello Europeo de Investigación para o período 2023-27.

Trátase de David Ryan Glowacki, científico do programa europeo Consolidator Grants que desenvolve o seu labor no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) da USC, a única que conta con investigador no programa ERC (European Research Council) para este período concreto. O obxectivo é que poida crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación.

Desde o ano 2012 a Xunta vén asinando convenios coas tres universidades públicas do Sistema Universitario de Galicia (SUG) co fin de achegar unha axuda complementaria para que o persoal investigador principal beneficiario das convocatorias dos programas ERC poidan crear ou consolidar o seu propio equipo de investigación en Galicia.

Neste período, a Consellería de Educación leva achegadas a esta acción un total de 6.725.000€ e beneficiado a 23 investigadores das tres universidades públicas galegas, dos que, actualmente, 12 contan con axuda vixente: nove na USC, un na UDC e dous na UVigo.

Estas partidas complementarias do Goberno galego deberán ir destinadas a financiar a contratación de persoal investigador ou auxiliar para o equipo dirixido polo investigador principal ERC; para pequeno equipamento e material funxible, así como para os custos do mantemento dese material; para material bibliográfico; para adhesión a sociedades científicas; para formación do persoal do equipo relacionado coa actividade do proxecto; para desprazamentos vinculados coa dita actividade; para investigadores visitantes e para organización de actividades de difusión e ferramentas de xestión do coñecemento e información, tales como aplicacións informáticas ou bases de datos, entre outros.

Cómpre lembrar que o ERC busca impulsar a longo prazo proxectos de científicos excelentes e apoia a creación de equipos para que realicen unha investigación novidosa e potencialmente moi rendible, pero de alto risco. Para conseguir o obxectivo de impulsar á próxima xeración de directores de investigación que acheguen novas ideas e enerxía, o ERC concede subvencións ao programa Grant (Starting, Advanced, Consolidator e Synergy), destinadas ao persoal con entre dous e 12 anos de experiencia dende a finalización do doutoramento.

As ditas axudas son a longo prazo, cunha duración de ata cinco anos, e están dirixidas a persoal investigador cun perfil que os identifique como líderes no seu ámbito, cunha traxectoria profesional científica moi prometedora e con proxectos pioneiros que abran novos camiños nos seus respectivos campos. O criterio único de avaliación é a excelencia científica da proposta.