Darío Villanueva pecha este xoves o ciclo de divulgación científica que reuniu reputados relatores na cidade da cultura

A iniciativa ‘Ciencia parece pero non é’, que comezou en xaneiro, remata esta semana cun relatorio aberto ao público no que o catedrático reflexionará sobre pensamento crítico e uso da linguaxe

As sesións, que tamén se difunde vía streaming na canle de Educación da Xunta, recibiron máis de 5.000 visualizacións de todos os públicos nestes meses

Preto dun centenar de docentes inscribíronse no curso que acompaña ao ciclo, que culminará cun libro coral difundido en centros educativos e bibliotecas galegas

Lun, 29/05/2023 - 16:24
Dario

A Xunta de Galicia pecha este xoves o programa de fomento da cultura científica Ciencia parece pero non é co catedrático Darío Villanueva, que afondará no pensamento crítico e uso da linguaxe. Esta será a última das conferencias dun ciclo que reuniu desde xaneiro reputados relatores. Neste tempo alcanzáronse unhas 5.000 visualizacións na súa retransmisión online e participaron preto dun cento de docentes no curso que acompaña ao ciclo.

O catedrático Darío Villanueva, exreitor da Universidade de Santiago e expresidente da Real Academia Española, realizará un achegamento á investigación e reflexión sobre pensamento crítico, razón e fenómenos de manipulación a través do uso da linguaxe no seu relatorio Ciencia e falsidade posmoderna. Celebrarase ás 18,00 horas no Auditorio Neira Vilas da Cidade da Cultura e poderá seguirse vía streaming no perfil de Youtube de Educación da Xunta de Galicia. A asistencia é libre ata completar aforo. 

Estimular o pensamento crítico

Darío Villanueva súmanse á lista de recoñecidos divulgadores que achegaron claves sobre diferentes aspectos da ciencia e a tecnoloxía de xeito entretido a través de charlas dirixidas a todos os públicos, especialmente do eido educativo, para estimular o pensamento crítico.  

Participaron, a catedrática en Psicoloxía Experimental pola Universidade de Deusto Helena Matute, o psicólogo e profesor Ramón Nogueras, o neurocientífico e catedrático da Universidade de Salamanca José Ramón Alonso, o doutor en Psicoloxía pola Universidade de Deusto Fernando Blanco. Tamén impartiron relatorios o doutor en Física Aplicada pola Universidade Autónoma de Madrid Joaquín Sevilla, o biólogo e catedrático de Fisioloxía na Universidade do País Vasco Juan Pérez Iglesias, o arqueólogo e historiador Néstor Marqués, a profesora de Psicoloxía da Universidade de Minnesota Panayiota Kendeou e o teólogo Luis Santamaría del Río. 

Ciencia parece pero non é completaranse cunha publicación coral que recollerá diversos aspectos destacados dos relatorios que será distribuída nos centros educativos e bibliotecas de Galicia e estará aberta ao público na Libraría Institucional da Xunta.