A Consellería de Cultura e Educación apoia os proxectos do IES Politécnico de Vigo de colaboración para a innovación entre as Pemes e os centros de FP

O director xeral de Educación participou hoxe na presentación da iniciativa ‘Competencias Industriais’

Lun, 13/02/2012 - 19:25

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria amosou hoxe o seu apoio ao IES Politécnico de Vigo na presentación dos seus proxectos ‘Competencias industriais: un novo espazo de colaboración para a innovación entre as PEMES e os centros de FP’ e ‘DNF.Com: Metodoloxías para o diagnóstico das necesidades de formación e desenvolvemento de
competencias emerxentes nas empresas’, un acto no que participou o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira.

Durante a súa intervención o director xeral fixo fincapé na importancia deste tipo de iniciativas para poñer en estreita relación ás pequenas e medianas empresas co alumnado da Formación Profesional, nun proceso de retroalimentación do que ambas partes resultan beneficiadas. Deste xeito lembrou o traballo que está a desenvolver a Consellería para impulsar a Formación nos Centros de Traballo (FCT) do alumnado de ciclos formativos, de demostrada eficacia para abrir aos máis novos as portas do mercado laboral. Así mesmo explicou que o departamento educativo da Xunta de Galicia está a desenvolver unha estratexia de fortalecemento da FP que ten entre as súas liñas prioritarias o establecemento de sinerxías coas empresas, co fin de que os titulados da FP galega respondan ás necesidades do noso tecido socioprodutivo e contribúan ao seu avance.

A xornada de presentación completouse cun relatorio do xerente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia (Asime), Ignacio Chamorro Díaz; e coa presentación das liñas fundamentais da iniciativa, a cargo dos responsables do proxecto no IES Politécnico de Vigo, Javier Fondevila Blanco e José Luis Prado Cerqueira.

A innovación nas PEMES

Esta iniciativa, impulsada polo IES Politécnico de Vigo, nace co obxectivo de desenvolver uns proxectos en rede entre centros para implantar unha oferta de servizos tecnolóxicos, para facilitarlle ás pemes o acceso á innovación e mellora continua dos seus procesos clave, cunha vocación de servizo, ofrecendo apoio técnico, ferramentas, metodoloxías e formacións axeitadas a súa realidade dende un coñecemento cercano das súas necesidades e problemáticas. Así mesmo, procúrase un achegamento da formación profesional á empresa prestando servizos que permitan detectar as necesidades de desenvolvemento de cualificacións e competencias profesionais, para responder do xeito máis efectivo ás necesidades formativas das empresas, profesionais e profesorado.
A partires desta rede, está previsto organizar xornadas de divulgación e transferencia das tecnoloxías e boas prácticas en procesos tecnolóxicos; así como compartir os recursos elaborados por cada centro a través das tecnoloxías da información e a comunicación (TICs).

Os proxectos contan ademais coa colaboración do Instituto de la Máquina Herramienta (Elgoibar, Guipúscoa), do Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) Juan de Herrera (Valladolid); do CIFP Simón de Colonia (Burgos), CIFP de Mislata (Mislata-Valencia) e do IES Barajas (Madrid).

Menús News node R