Quince emprendedores buscarán socios para ideas innovadoras no Encontro Internacional Economía e Cultura co que a Cidade da Cultura fomenta a unión entre empresas e creadores

O Gaiás acollerá xoves e venres o Encontro Internacional Economía e Cultura onde se darán a coñecer fórmulas imaxinativas de cooperación entre estes dous sectores e proxectos novidosos ao redor da economía creativa

O Encontro analizará, a través de casos prácticos, distintas fórmulas de financiamento como o mecenado ou o patrocinio xunto a outras máis novidosas coma o crowdfunding

Ao longo das dúas xornadas abordaranse novas formas de traballar como o coworking ou a posta en marcha de redes sociais de ideas

O encontro será inaugurado este xoves polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo

Lun, 13/02/2012 - 17:05

Co obxectivo de fomentar a unión do mundo empresarial cos artistas e creadores, a Cidade da Cultura celebra este xoves e venres -16 e 17 de febreiro- o Encontro Internacional Economía e Cultura. A inauguración, que será este xoves pola maña correrá a cargo do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, en nome da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Ao longo destas dúas xornadas, o Gaiás reunirá a axentes de ambos os dous sectores co obxectivo de buscar fórmulas imaxinativas de cooperación e a quince emprendedores que darán a coñecer proxectos innovadores e buscarán alianzas con outros sectores para levalos adiante.

Nuns tempos especialmente difíciles, a promoción da economía creativa –unión dos mundos da empresa, cultura, TICs, innovación, creatividade e emprendemento- e de novos conceptos -coworking ou traballo en rede, financiamento en masa e redes sociais de ideas- preséntase como unha das mellores fórmulas para lograr o éxito. Este será o eixe sobre o que xirará o Encontro, que abordará as posibles alianzas entre empresa e cultura a través de varios aspectos como o financiamento, o deseño ou a innovación pero que, ademais, acollerá a presentación de casos de éxito e de proxectos para os que se están a buscar socios ou patrocinadores.

En formato Pecha Kucha –presentacións de breve formato áxiles e dinámicas-, sete emprendedores darán a coñecer o xoves pola tarde as súas iniciativas empresariais no ámbito do deseño, a formación, a música ou a arte e que contará dende firmas consolidadas e cunha longa traxectoria de colaboración como Martín Códax a outras máis emerxentes como NóComún ou a portuguesa Maus Hábitos. Ademais, na xornada de clausura, o Encontro posibilitará que axentes dun e outro sector poidan estreitar lazos coa presentación de oito proxectos novidosos nos que o talento creativo se combina con empresas aparentemente distantes e para os que se busca compañeiro de viaxe. Entre eles estará o deseñador e responsable de Espazo Showroom, Juan Ares, que exporá a súa alianza coa empresa de acuicultura Chicolino, dedicada a fabricar redes e cordas, para lanzar unha nova liña de produtos elaborados con estes materiais. Ou a firma viguesa Sinsal, que tras dez anos dedicada á promoción de concertos para público escollido e con aforos limitados, pretende favorecer un intercambio de servizos con outros sectores.

Ao longo de dúas xornadas, o complexo do Gaiás servirá ademais de escenario para mostrarlle ao empresariado que poden facer os artistas e creadores para axudar a mellorar o seu negocio. A través de fórmulas clásicas como o mecenado ou o patrocinio xunto a outras máis novidosas como o crowdfunding ou microfinanciamento, o Encontro exporá con casos prácticos posibles vías de financiamento nas que converxan os intereses do tecido cultural cos do empresarial reportándolles beneficios a ambos os dous sectores.

Ademais, deseñadores, directores artísticos ou consultores en estratexias online contarán en primeira persoa como a incorporación dun artista/creador a unha empresa tradicional pode ser decisiva para o crecemento. Neste ámbito, deseñadores como Uqui Permui ou o equipo da firma Cenlitrospormetrocuadrado relatarán como a creación dunha imaxe diferenciadora a través do deseño permite atraer a novos públicos; e a firma sueca Tillt defenderá a implicación dun creador no proceso de produción para xerar proxectos innovadores.

A busca de innovación e novas fórmulas de traballo en ambos os dous sectores tamén centrará unha sesión do Encontro Internacional Economía e Cultura, ofrecendo exemplos das últimas tendencias neste eido como o coworking, no que profesionais de diversos sectores traballan en conxunto, xa sexa para lograr a mellora empresarial como CIB Bilbao ou para levar a cabo proxectos culturais como fai Utopic_Us; ou as redes sociais de ideas, campo no que destaca o proxecto Ideas4all: web onde compartir ideas, problemas e solucións de todo tipo.

Menús News node R

Tema