A Illa de San Simón acollerá a segunda edición do congreso de comunicación ‘#NeThinking’ os días 7 e 8 de marzo

A Consellería de Cultura e Educación organizará na Illa de San Simón a segunda edición deste congreso que contará coa participación de destacados xornalistas e editores dixitais

A Illa do Pensamento tamén volverá a albergar a celebración dos congresos ‘Neuromagic’ e ‘Testemuños do Futuro’

Ao longo de todo o ano 2011 a Illa de San Simón foi visitada por máis de 10.000 persoas e desenvolveu unha ampla programación cultural

Dom, 12/02/2012 - 09:45

A Fundación Illa de San Simón, dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, abrirá a súa programación para este ano 2012 coa segunda edición do congreso de comunicación e redes sociais #NeThinking: Como comunicarnos, que se celebrará os vindeiros días 7 e 8 de marzo. Deste xeito, volveranse a reunir na Illa do Pensamento destacados e influentes expertos da rede como a xornalista Eva Hache, o cineasta Nacho Vigalondo, o músico Julián Hernández, recoñecidos e activos blogueiros como José Jiménez Moltó (Kurioso); editores de medios dixitais e expertos en redes sociais como Javier Celaya, Ismael El-Qudsi, Juanjo Amorín, Marilin Gonzalo ou Eduardo Arcos.

Tamén participará o consultor Antonio Delgado; a especialista en seguridade informática Elena Gómez del Pozuelo; destacados xornalistas multimedia como Mario Tascón, Antón Losada e Carmela Ríos; e expertos en comunicación de diferentes universidades galegas como Francisco Campos, Xosé López, Manuel Gago ou Valentín Alejandro Martínez. Asemade, a laureada blogueira cubana Yoani Sánchez, autora do blog Generación Y, que está considerado como un dos 25 mellores do mundo, tamén participará de xeito virtual neste foro.

Doutra banda, xa está confirmada a celebración do congreso Neuromagic 2012 os días 7 a 9 de maio. O encontro estará de novo coordinado por Susana Martínez-Conde e Stephen Macknik, dous dos neurocientíficos cognitivos máis prestixiosos do mundo, codirectores do Barrow Neurological Institute de Phoenix e especializados no estudo estudio do nexo entre ilusións e realidade na fronteira entre a arte e a ciencia, especificamente entre neurociencia e maxia.

Xa para finais de xuño, do día 29 ao 1 de xullo, está prevista a celebración da segunda edición de Testemuños do Futuro, que estará de novo coordinado por Ramón Núñez, director do Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, e contará con científicos, divulgadores e xornalistas especializados de primeira liña.

Gran difusión internacional

A Illa de San Simón celebrou ao longo do pasado ano numerosas actividades enmarcadas no seu Plan Estratéxico da Fundación Illa de San Simón, consolidándose como un centro de reflexión a nivel internacional a través de foros cun innovador formato que acadaron unha gran repercusión. As tres liñas de actuación fundamentais foron a promoción de actividades de relación co contorno; o desenvolvemento do proxecto Illa do Pensamento, con eventos de produción propia; e o seu papel como centro de apoio ás industrias culturais, en virtude ao convenio asinado coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais).

O obxectivo prioritario para o exercicio de 2011 era, ademais de darlle continuidade á programación dedicada ao contorno máis inmediato, consolidar a Illa do Pensamento, abrindo definitivamente San Simón ao mundo e a todos os galegos, con especial fincapé en Latinoamérica. A programación desenvolvida ao longo de 2011 supuxo a consolidación definitiva da Illa do Pensamento, un proceso ao que contribuíron os propios participantes nos encontros, moitos dos cales actuaron como grandes prescriptores debido á súa influencia en ámbitos académicos, científicos, sociais e culturais.

Unha das liñas principais da Illa do Pensamento foi o especial aproveitamento dos novos soportes como as redes sociais para difundir a actividade promovida pola Fundación Illa de San Simón fóra das nosas fronteiras. Ademais, neste reto de crear arquipélagos virtuais da illa e estender os foros de debate a todo o mundo, establecéronse máis de 50 convenios subscritos con organismos e entidades de diversos países, como España, Francia, EEUU, Portugal, Brasil, Arxentina, Chile, Perú, Colombia, México, República Dominicana e Costa Rica, entre outros. Deste xeito, todos este organismos permanecen conectados coa illa e cos eventos que se celebran nela a través de streaming, medio polo cal se retransmitiron en directo todas as actividades da Illa do Pensamento, emitíndose polo canal San Simón TV, ao que se puido acceder mediante a páxina web.

Cómpre destacar tamén a grande actividade acadada pola páxina web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org), que no ano 2011 recibiu un total de 24.286 visitas, das cales o 71,49% corresponde a novos usuarios. Con respecto ao posicionamento acadado nos principais navegadores, a busca en Google de “Fundación Illa de San Simón” outorga máis de 301.000 resultados, ocupando o primeiro posto a web da Fundación.

Fomento das industrias culturais

Outro encontro destacado na Illa do Pensamento o pasado ano foi o debate sobre os retos de futuro das industrias culturais e creativas galegas, co que arrancou o denominado Proxecto INDREA, e que supón tamén o punto de partida do Laboratorio Permanente para as Industrias Culturais. San Simón tamén acolleu no marco da Illa do Pensamento outras actividades como o Forum Ciceron, no que participaron 32 dos alumnos cos mellores expedientes das tres universidades galegas; Por unha Xeopolítica Europea, coa participación de expertos procedentes de España e Francia, que constituíu o xerme da Rede Europea de Reflexión Xeopolítica, con sede en San Simón; o I Simposio Internacional de Protocolo Institucional e Corporativo; así como a segunda edición do Foro Internacional de Comunicación Social, no que participaron destacados xornalistas españois e latinoamericanos. A relación con Latinoamérica púxose de manifesto tamén no I Encontro Científico Bilateral España-Brasil, que supuxo o punto de partida do Proxecto SICEB (Sociedade da Información e do Coñecemento en España e Brasil).  Finalmente, celebrouse a primeira edición do ciclo Fotopensamento, coordinado polo fotógrafo galego Xurxo Lobato, que na súa primeira edición tivo como protagonista ao artista visual Joan Fontcuberta.

No que respecta ás actividades organizadas en San Simón como Centro de Apoio ás Industrias Culturais, destacan actos institucionais como Na Senda de Creativa, co que culminou o programa transfronteirizo Creativa 2009-2011, impulsado pola Agadic e pola Direccão Rexional de Cultura do Norte, do Ministério de Cultura de Portugal. Tamén se organizaron eventos de carácter literario como os Premios Xerais ou Galeuscat; ademais de master classes, residencias de artistas, gravación de videoclips ou festivais entre os que figuran actividades no marco de Vigo Transforma 2011, o Festival Sinsal ou o Ciclo Espazos Sonoros.

Polo que respecta á conciliación co contorno, ao longo do ano 2011 leváronse a cabo na Illa de San Simón numerosas actividades de diversa natureza, dedicadas aos núcleos que arrodean a illa, ao fomento das actividades náuticas, á xuventude así como a diversos sectores sociais e profesionais. Tamén continuou o programa de verán de visitas á illa, á que se achegaron preto de 6.000 persoas. Sumadas aos máis de 4.000 participantes nas actividades, o total supera as 10.000 persoas que tiveron a oportunidade de visitar o espazo xestionado pola Fundación.

Menús News node R

Tema