‘Enrédate co Gaiás’ convida aos cativos achegarse ao teatro e a música na Cidade da Cultura
Pequeclassics ofrece o 4 de marzo ‘O son dos metais’, un concerto didáctico para descubrir os sons dos instrumentos a través de Bach, Mozart ou Rossini
Nenos de a partir de 7 anos poderán construír o seu propio teatro de sombras chinesas a través dun obradoiro que terá lugar os catro domingos de marzo
Os domingos 11, 18 e 25, nenos e adultos poderán gozar con ‘Os narigudos’, ‘Contaloucos’ e ‘Titiricircus’ en dúas sesións: 12 e 17 horas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta o ciclo Enrédate co Gaiás, unha programación especialmente deseñada para que os máis novos se acheguen dunha forma amena e divertida á Cidade da Cultura durante os catro domingos de marzo. Teatro de monicreques e marionetas, un concerto didáctico para coñecer os diferentes sons dos instrumentos e un obradoiro de sombras chinesas compoñen este programa para os máis cativos.
As actividades arrancan o domingo 4 de marzo cunha nova sesión de Pequeclassics, o ciclo co que a Cidade da Cultura trata de achegarlles aos máis novos a paixón pola música clásica e pola ópera a través do xogo e da diversión. A terceira actuación deste 2012 será O son dos metais, un concerto didáctico no que Bach, Mozart ou Rossini guiarán aos máis pequenos nun percorrido polos diferentes sons dos instrumentos de vento metal. O espectáculo, que terá lugar na Biblioteca de Galicia, está pensado para rapaces maiores de 5 anos que se divertirán ao son do Grupo Santa Cecilia durante algo máis dunha hora. Como en todas as sesións de Pequeclassics, o concerto contará con dous pases: un ás 12:00 e outro ás 17:00 horas e cun aforo limitado de 120 persoas por sesión. As entradas poderán mercarse en www.sernivova.com a partir deste luns 13 de febreiro a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.
Ese mesmo domingo 4 de marzo e durante os tres seguintes (11, 18 e 25), o Gaiás celebrará o Obradoiro de Sombras Chinesas, co que nenos de máis de sete anos aprenderán a confeccionar o seu propio teatro. Ao longo das catro sesións, os participantes recortarán as figuras e decorados que precisen, aprenderán a manipulalos e, finalmente, realizarán pequenas dramatizacións nas que escenificar as historias ideadas por eles mesmos. Pensado para estimular o traballo e a creatividade dos mais novos, este obradoiro desenvolverase en dúas quendas de 20 prazas cada unha: 11:30 e 17:30 horas. As entradas para asistir a esta actividade tamén se poñen este luns á venda en www.servinova.com a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión.
Enrédate co Gaiásinclúe tamén un programa de teatro de monicreques e marionetas co que poder gozar en familia. Celebraranse tres obras na Cidade da Cultura os domingos 11, 18 e 25 de marzo e terán os monicreques de Tanxarina como protagonistas. As tres sesión contarán con dúas función que se celebrarán na Biblioteca de Galicia: unha ás 12:00 e outra ás 17:00 horas cun aforo limitado de 120 persoas cada unha. A obra Os narigudos será a que se representará o domingo 11 de marzo, onde monicreques de luvas e variñas afondarán nunha historia de valores como a amizade e a solidariedade a través duns personaxes que se senten rexeitados por seren diferentes. Os narigudos está pensado para nenos de máis de dous anos e ten unha duración aproximada de 50 minutos.
O domingo 18 de marzo será a quenda de Contaloucos, unha sesión para maiores de 5 anos na que monecos das máis divertidas técnicas poñen en escena “A bomba e o xeneral” de Umberto Eco e “Timoteo, o amigo do labrego” de Terry Jones. Dúas historias que falan de cousas de agora con todo o sabor dos contos tradicionais: unha guerra, un trasno, o antimilitarismo, o valor da amizade, tres portas e un concurso, sapos e mariñeiros… e unha chea e sorpresas.
O broche de ouro a esta programación teatral será unha auténtica homenaxe ao circo con actores e marionetas de fío interactuando en Titiricircus, un espectáculo que durante unha hora fará gozar a toda a familia.
As entradas para todas as sesións teatrais poranse este luns á venda en www.servinova.com a un prezo de 5 euros máis gastos de xestión.