A Xunta lanza a IV Enquisa sobre Convivencia nas aulas, a maior en Galicia xa que abrangue cen por cen dos integrantes da comunidade educativa

A partir do vindeiro martes, día 2, tanto alumnos a partir de 5º de Primaria como familias, docentes e persoal non docente terá acceso ao macrocuestionario a través dunha ferramenta informática en liña con chaves privadas e intransferibles

O obxectivo desta acción, de carácter bianual e enmarcada na Estratexia Galega de Convivencia 2025, é testar a evolución da convivencia ao longo do tempo co fin de implementar medidas específicas e axeitadas á realidade actual

Incorpóranse por primeira vez bloques específicos de preguntas sobre igualdade, tecnoloxías da relación, a información e a comunicación, e orientación vocacional

Tamén haberá un bloque sobre ‘grooming’ e ‘sexting’ exclusivo para o alumnado de Ensino Secundario e Postobrigatorio

Xov, 27/04/2023 - 19:38
c

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades deu conta ante o Consello da Xunta de hoxe do lanzamento da IV edición da Enquisa de Diagnose da Convivencia Escolar 2023, que desde o próximo martes, día 2, estará aberta ao conxunto da comunidade educativa galega.

Trátase, por tanto, da maior enquisa que existe na nosa Comunidade sobre este ámbito, xa que abrangue un colectivo de 500.000 persoas entre o alumnado a partir de 5º de Primaria, familias, docentes e persoal non docente de todas as etapas (Infantil, Primaria, Secundaria, Bacharelato, FP, escolas de idiomas e conservatorios de música e centros de ensinanzas artísticas).

Este cuestionario bianual é unha das accións enmarcadas dentro da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2025, que dá continuidade ás realizadas en 2015, 2019 e 2021. Ten como obxectivo actualizar a radiografía da situación dos centros escolares en canto á convivencia, así como testar a evolución no tempo co fin de implementar as medidas específicas e máis axeitadas á realidade das aulas.

A partir dos datos recompilados, a Consellería elaborará un Informe de Diagnose de convivencia escolar en Galicia, así como informes individualizados que entregará aos centros educativos para que poidan analizar e valorar o estado da convivencia no seu centro e establecer os plans de mellora correspondentes.

Un proceso confidencial e en liña

O macrocuestionario estará aberto para cubrir desde o próximo martes día 2 de maio ata o 22 de maio. A enquisa cóbrese a través dunha aplicación informática específica en liña, e son os directores dos propios centros os encargados de xerar as claves de acceso para todos os membros da súa comunidade educativa, de xeito totalmente aleatorio, garantindo así o anonimato dos participantes. Desta forma, os destinatarios poden acceder ao cuestionario -coas claves aleatorias que lle asinen- a través de calquera dispositivo electrónico (ordenadores, móbiles, tabletas…). A maiores, as familias, a través de Abalar móbil, recibirán un aviso sobre a dispoñibilidade da enquisa.

Trátase dun proceso totalmente privado e anónimo e, co fin de acadar os resultados máis obxectivos posibles, o contido das preguntas coñecerano cada un dos participantes no proceso no mesmo momento en que decide cubrir o cuestionario.

Bloques de preguntas

Para manter a súa fiabilidade, validez e consistencia interna, mantense o groso das preguntas das tres edicións anteriores, que están deseñadas en función do colectivo ao que van dirixidas. Aínda que nesta edición os cuestionarios estarán fragmentados por etapas. Isto é, para alumnado de Educación Primaria, para Educación Secundaria Obrigatoria e para Ensino Postobrigatorio (ata o de agora tan só se diferenciaba entre ensino obrigatorio e postobrigatorio).

Non obstante, por primeira vez este ano incorpórase un bloque específico de preguntas do ámbito da igualdade, outro relacionado coas tecnoloxías da relación, a información e a comunicación, e un terceiro sobre orientación vocacional.

A maiores, exclusivo para o alumnado de Ensino Secundario e Postobrigatorio inclúese un bloque de grooming e sexting.