Vázquez Abad aposta pola colaboración entre todos os axentes implicados para reforzar a cultura galega

O conselleiro de Cultura e Educación comprometeuse hoxe na TVG a potenciar as industrias culturais de Galicia e a actividade dos artistas de base

Mér, 08/02/2012 - 11:58

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, apostou hoxe pola colaboración coas administracións e os organismos implicados para conseguir o fortalecemento da cultura galega. Nunha entrevista no programa ‘Bos días’, da Televisión de Galicia, o conselleiro comprometeuse a potenciar as industriais culturais galegas, ademais de fomentar o incremento do consumo cultural. Desta forma, Vázquez Abad manifestou a súa vontade de continuar a traballar neste eido “con novos proxectos”, co fin de potenciar os nosos artistas de base, e de impulsar a internacionalización da nosa cultura.

Nesta estratexia de potenciación da cultura galega, a Cidade da Cultura de Galicia xogará un papel fundamental, cunha folla de ruta que quedará reflectida no Plan Gaiás, “unha ferramenta moi importante para rendibilizar os catro edificios que xa están en marcha”, explicou.

O conselleiro fixo fincapé, ademais, na necesidade de facer un uso eficiente dos recursos, co obxectivo de que, a pesares da difícil situación pola que están a pasar todos os sectores da sociedade, a nosa cultura e os nosos artistas saian reforzados.

Camiño da excelencia

Respecto das medidas anunciadas polo Goberno central para a mellora do sistema educativo, Vázquez Abad cualificou como positivas medidas como o reforzamento do Bacharelato, unha etapa de preparación para o ensino superior “que non está a cumprir os seus obxectivos”. Neste sentido o conselleiro apostou por un reforzamento do bacharelato, “acompañado dunha reorientación dos coñecementos e competencias desta etapa”.

Así mesmo lembrou que Galicia xa ten posto en marcha medidas, no marco da Lei de Convivencia, para o recoñecemento do valor dos docentes, na liña da proposta do Goberno central co Estatuto do Docente. Neste sentido apostou tamén polo establecemento dun proceso de selección e de promoción na carreira docente que permita contar cos mellores profesionais no sistema educativo xa que, “traballar nese camiño é igual a camiñar cara a excelencia educativa. Estimular ao profesorado, redunda no seu paso cara á excelencia”, salientou.

A FP galega, un referente

No tocante ao establecemento dun sistema de formación dual na Formación Profesional, Vázquez Abad lembrou que a Consellería que dirixe leva posto en marcha unha completa estratexia de reforzo e posta en valor da FP no que vai de lexislatura. Neste sentido fixo referencia á publicación de 47 novos currículos de ciclos formativos – xa adaptados ás esixencias da Lei das Cualificacións Profesionais-, á publicación dun novo Decreto para regular a FP, e á posta en marcha, por primeira vez en Galicia, da FP a distancia.

Así mesmo, salientou o traballo que se está a facer para fomentar a Formación en Centros de Traballo (FCT) do alumnado de ciclos formativos, xa incluída en todos os novos currículos publicados, e que ten demostrado ser unha “axuda ao alumnado para o acceso ao mercado laboral”.

Desta forma, o conselleiro cualificou como positiva a proposta de avanzar na liña da formación dual, e  reiterou a súa vontade de seguir a traballar na estratexia que está a desenvolver a consellería, e grazas á cal “Galicia está a ser un referente na normativa e na potenciación da FP”.

Exercicio de responsabilidade

Durante a entrevista Vázquez Abad explicou que a decisión de aprazar a convocatoria de oposicións a 2013 é “ un exercicio de responsabilidade e de lealdade institucional”, diante da actual taxa de reposición – un máximo do 10%-, que só permitiría convocar “un número moi pequeno de prazas, para milleiros de candidatos, o que suporía un coste moi elevado”.

Neste sentido Vázquez Abad reiterou que as prazas se acumularán para a próxima convocatoria de oposicións, e comprometeuse a loitar, debatendo nos foros correspondentes, “para que a taxa de reposición o próximo ano sexa a maior posible”.