O secretario xeral de Cultura asiste ao acto inaugural do III Curso Xerardo Fernández Albor 30 anos de autonomía
Anxo Lorenzo salientou que “este curso contibue ao desenvolvemento intelectual da nosa sociedade dun xeito importante”
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, asistiu hoxe á inauguración do III curso Xerardo Fernández Albor 30 Anos de Autonomía, nun acto celebrado na Facultade de Filosofía de Santiago de Compostela no que representou á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. A apertura do curso foi presidida polo alcalde de Santiago, Gerardo Conde Roa.
Anxo Lorenzo salientou que “a realización deste curso contribue sen dúbida ao desenvolvemento intelectual da nosa sociedade dun xeito importante e creo que o título no que se centran este ano 30 Anos de Autonomía, xunto coa figura á que están dedicados, a do noso primeiro presidente, don Xerardo Fernández Albor, expresan esta vontade de crecemento da nosa identidade, onde conflúen as distintas correntes, tendencias e opinións que lle dan forma a esta Galicia contemporánea que compartimos”.
Do mesmo xeito o secretario xeral de Cultura engadiu que “trinta anos de autonomía resultan, en termos históricos, un período sumamente curto; no entanto, para nós significa o tempo no que construímos a nosa propia imaxe. No plano cultural significa o lapso no que pasamos de crer en nós mesmos a unha comunidade moderna e desenvolvida, na que as nosas creadoras e os nosos creadores se integran nas grandes correntes artísticas do momento, en calquera das súas ramas”.
Recoñecidos relatores
O curso 30 Anos de Autonomía abriuse hoxe coa conferencia inaugural A invención política de Galicia, de quen fora presidente da Xunta entre 1982 e 1987 e dá nome ao mesmo, Xerardo Fernández Albor.
Os participantes neste encontro abordarán durante 6 xornadas – do 7 ao 9 e do 14 ao 16 de febreiro- os debates fundamentais para a construción da Autonomía galega e para apoiar a súa andaina cara a novos retos derivados dun contexto globalizado en continua evolución.
Para iso o curso contará coa participación de reputadas personalidades da política e o mundo académico e xornalístico galego. Así, o mércores 8 o tema será a España das autonomías e o Estatuto de Galicia, nunha mesa redonda presidida por Susanna Rodríguez Enjamio – de Foro Galicia Milenio, organizador do evento-, e na que participan o deputado e profesor de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pedro Puy Fraga; o ex-deputado e profesor de Dereito da Universidade de A Coruña (UDC), Pablo González Mariñas; e o profesor de Dereito da USC, Roberto Blanco Valdés. Os debates desta primeira semana de curso pecharanse coa mesa redonda do xoves, Os comezos da Autonomía, presidida pola vicepresidente ado Foro Galicia Milenio, Maite Cancelo; e coa participación do ex-conselleiro de Agricultura Jaime Rey de Roa, do ex-deputado Camilo Nogueira; e do director de Correo TV, Luis Pérez Fernández.
A terceira edición deste curso dedicado ao goberno autonómico centra a xornada do 14 de febreiro nunha homenaxe a quen fora presidente da Xunta de Galicia durante 16 anos, Manuel Fraga Iribarne, un encontro farán repaso das súas catro lexislaturas os ex-conselleiros Celso Currás, Xesús Palmou e Manuela López Besteiro, nun debate presidido por Manuel Balseiro, do Foro Galicia Milenio.
Tamén participará neste curso o ex-presidente da Xunta de Galicia Emilio Pérez Touriño, coa conferencia O tempo de Galicia. O curso será pechado o vindeiro xoves 16 polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, co relatorio Galicia e os desafíos do futuro.