Vázquez Abad presenta os cadros procedentes do Museo del Prado que enriquecen a exposición permanente do de Belas Artes

Os dez lenzos procedentes dunha das maiores pinacotecas do mundo cobren o baleiro deixado polas pinturas de Carducho

Mar, 07/02/2012 - 20:31

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, presentou esta tarde os novos depósitos procedentes do Museo Nacional del Prado, que complementarán a exposición permanente do seu homónimo de Belas Artes da Coruña.

Así desde hoxe poderán verse dez cadros chegados dunha das pinacotecas máis importantes do mundo e que veñen a encher o baleiro deixado polos nove lenzos de Carducho, que formaban parte dun préstamo e que agora se poden ver no mosteiro do Paular, en Madrid. Os novos lenzos e táboas están asinados por Jan Erasmus Quellinus, Jacob Peeter Gowy, Jean Baptiste Borkens, Frans Luyckx, Theodoor Rombouts, Juan Pantoja de la Cruz, e mesmo volvérase a contar con obras de Vicente Carducho.

A mostra

Durante a súa intervención o conselleiro destacou que estás obras se presentan nun marco excepcional como é o Museo de Belas Artes, proxectado por Gallego Jorreto, e cuxa institución celebra no 2012 o seu noventa aniversario. Sobre as pinturas que desde agora acolle este recinto destacou que “veñen a mellorar de xeito significativo a xa de por si sobresaínte colección permanente desta lonxeva e vizosa institución coruñesa”.

Vázquez Abad dixo que “estas novas obras sorprenden pola súa beleza e son merecentes de ser contempladas”, ao que engadiu que “o presente conxunto de cadros que pasan a formar parte da colección permanente do Museo de Belas Artes da Coruña amplía o rango de estilos e temas tratados, mellora o discurso museolóxico e museográfico, permitirá a todos gozar dun xeito máis completo da pintura do século XVII”.

Das novas incorporacións o titular de Cultura e Educación da Xunta sinalou que “as obras que presentamos aborda nunha gran coherencia discursiva, un mundo de imaxes, de historias e alegorías propios tanto dun tempo de transición entre o Renacemento e o Barroco, como do pleno e tardío. Bosquexándonos ademais unha sensibilidade e un contexto histórico concreto: o da Ideade Moderna europea”.

Os autores e as súas obras

As pinturas que se incorporan aos fondos da pinacoteca coruñesa completan o apartado de pintura relixiosa incorpora San Juan de Mata renuncia ao doutorado e logo acéptao por inspiración divina, e a Ordenación e primeira misa de San Juan de Mata, ambas asinadas por Vicente Carducho, así como outras dúas asinadas por Francisco Rizzi, A Visitación e A presentación de Xesús no Templo.

Por outra banda, no que respecta á pintura flamenca este espazo xa conta con dúas tabóas de Rubens: Psique e Dédalo e o Minutauro, e se complentará desde hoxe coO Amor Durmido de Jan Eramus Quellinus, e A caída de Ícaro de Jacob Peeter Gowy.

No espazo dedicado ao mito de Hércules súmase A apoteósis de Hércules pintada por Jean Baptiste Borkens. E para o espazo do retrato cortesán español e europeo están expostas Margarita de Austria de Juan Pantoja de la Cruz, e Marina de Austria obra do retratista dos Habsburgo Frans Luyckx. Asemade para ilustrar a cotidianiedade chega os Xogadores de naipes de Theodoor Rombouts.

No acto estiveron presentes a directora do museo coruñés, Ángeles Penas, e a conservadora do Museo Nacional del Prado, Mercedes Orihuela; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e o director xeral do Patrimonio Cultural, José Manuel Rey Pichel. Con estas pezas a Xunta de Galicia dá unha nova mostra do seu interese e dedicación por ofrecer contidos de calidade aos espazos expositivos e culturais da comunidade.