Román Rodríguez anuncia novas obras nos colexios de Dozón e Rodeiro cun investimento de máis de 700.000 €

As actuacións nos colexios Pío Cabanillas (Dozón) e Plurilingüe de Rodeiro licitaranse hoxe mesmo e suporán a renovación de máis de 400 fiestras por outras novas

Terán mellores prestacións térmicas e acústicas para alumnado e profesorado

Na comarca do Deza está a piques de comezar a central de biomasa en Lalín, coa acta de replanteo xa asinada; está en licitación o CEIP Ramón de Valenzuela en Bandeira-Silleda e ultímase xa o proxecto do CEIP de Silleda

Xov, 12/01/2023 - 18:04
d

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, acompañado polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anunciou este xoves novos investimentos nos colexios CPI Plurilingüe de Rodeiro e Pío Cabanillas Gallas, en Dozón, cuxas obras de renovación son licitadas hoxe mesmo cun investimento total de máis de 700.000€.

No caso do Pío Cabanillas Gallas, o investimento previsto é de 189.050€, cos que se mudarán as 111 fiestras do centro; mentres que no Plurilingüe de Rodeiro destinaranse 513.162€ a renovar as 295 ventás. En ambos os casos instalaranse novas carpinterías de aluminio con mellores prestacións térmicas e acústicas. Alí onde as fiestras se atopan a gran altura colocarase un sistema motorizado para a súa apertura.

O conselleiro destacou que este tipo de actuacións “cumpren unha dobre función: por unha banda, reducir o consumo enerxético dos centros nos que se realizan e, por outra, mellorar de xeito moi significativo o confort térmico de alumnos e profesores”. “Polo tanto, contribuímos tanto ao coidado do medio ambiente e ao aforro do gasto de calefacción, como á comodidade e benestar da comunidade educativa”, engadiu.

Cómpre lembrar que a actuación no colexio de Dozón vén completar a realizada no 2022, por máis de 285.000€, que incluíu o cambio da cuberta e renovación total das instalacións eléctricas e de fontanería, entre outras melloras.

Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica

Tal e como sinalou o titular do departamento educativo da Xunta, estas actuacións enmárcanse no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, a folla de ruta coa que o Goberno galego está a modernizar os centros de ensino e converténdoos en instalacións máis eficientes e sustentables, así como axustadas ás necesidades da educación do século XXI, máis dixitalizadas, con espazos funcionais, amplos e flexibles, mobiliario con rodas, etc. Dotado cun orzamento de 191M€, a través deste plan prevese renovar catro de cada 10 centros educativos.

No marco deste plan, o Goberno galego recolle accións por preto de 6M€ na comarca do Deza, entre obras rematadas recentemente, en execución, en licitación e en carteira. En concreto, na obra da central de biomasa do colexio Xesús Golmar de Lalín xa está asinada a acta de replanteo e está a piques de comezar. Ademais, están en licitación as melloras sectoriais no colexio CEIP Ramón de Valenzuela (Bandeira-Silleda) e esta mesma semana está previsto recibir o proxecto para acometer diversas melloras no CEIP de Silleda que, a continuación, será tamén licitado.