O conselleiro de Cultura e Educación destaca as linguas como vehículo de comunicación e concordia na entrega de premios do V Certame Literario do IES Ferrol Vello
Xesús Vázquez Abad presidiu este acto, no que sen galardoaron poesía e relato curto en galego, castelán, inglés e francés
O centro é un dos 144 que asinaron este ano por primeira vez contratos-programa coa Consellería para a mellora da calidade educativa
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe a importancia do plurilingüismo na entrega de premios do V Certame Literario do IES Ferrol Vello. Neste sentido o conselleiro explicou que, nun contexto de globalización e multiculturalidade, as linguas están chamadas a ser “vehículo de comunicación e concordia”. “A súa aprendizaxe – engadiu- mellora as aptitudes cognitivas e potencia o manexo do estudantado na súa lingua materna”. Desta forma salientou o valor deste certame - ao que os estudantes puideron presentar obras en galego, castelán, inglés e francés- “recoñecendo o talento dos máis novos, o seu traballo creativo, pero tamén as súas capacidades idiomáticas e, con elas, a importancia definitiva do plurilingüismo”.
Durante a súa intervención Vázquez Abad felicitou ao alumnado, profesores e familias polo seu traballo diario en iniciativas deste tipo. “O seu labor conxunto revaloriza e pon en permanente actualidade o noso obxectivo: a excelencia educativa”, dixo.
Ademais o conselleiro lembrou a importancia da educación na transmisión da cultura, ademais de como “poderosa arma para prosperar e lograr unha convivencia harmónica entre os cidadáns”. “Por iso - engadiu- o futuro de todas e todos depende da eficacia do sistema educativo, da súa capacidade para fixar a nosa identidade como grupo, para respectar e facer da cultura, a nosa cultura, unha herdanza forte que legar á mocidade”.
O certame literario do IES Ferrol Vello deu ao alumnado a posibilidade de presentar poesías e relatos curtos en galego, castelán, inglés ou francés, co que se estimulan as competencias lingüísticas dos estudantes tanto nas linguas propias como nas estranxeiras. A convocatoria estivo, así mesmo, aberta ao alumnado dos centros adscritos CEIP Cruceiro de Canido e CPR San Rosendo.
Así, hoxe entregáronse 15 primeiros premios – nas diferentes categorías, segundo se tratase de alumnado do último ciclo de Primaria, primeiro ou segundo ciclo da ESO- e 29 accésit, nas modalidades de narración ou poesía nas catro linguas posibles de participación. Ao acto de entrega asistiu tamén o xefe territorial da Consellería na provincia, Indalecio Cabana.
Contrato-programa
O conselleiro destacou ademais o esforzo deste centro por avanzar na mellora da calidade educativa en prol das súas alumnas e alumnos. De feito, este centro contará cun contrato-programa, do que se beneficiarán este curso a práctica totalidade de estudantes, grazas á colaboración dos 21 profesores cos que conta o centro, todos eles implicados nesta iniciativa coa que a o departamento educativo da Xunta de Galicia aposta pola autonomía pedagóxica, de organización e de xestión dos centros, na procura da mellora continua da educación. Ademais a Consellería contribúe ao desenvolvemento destas actuacións a través dunha achega de 6.000 euros a este instituto ao abeiro do contrato-programa asinado.
Foi o propio centro o que, tras analizar as súas fortalezas e debilidades, presentou un proxecto de actuación que foi seleccionado polo departamento educativo da Xunta de Galicia para ser un dos primeiros 144 centros participantes nesta iniciativa. Ao abeiro da mesma, o IES Ferrol Vello desenvolverá diferentes actuacións enmarcadas na liña 1 das previstas para estes contratos-programa, en concreto no referido ao apoio e reforzo en educación secundaria obrigatoria.
Desta forma o instituto ferrolán desenvolverá medidas en diferentes ámbitos, relacionadas coa atención directa ao alumnado, intervención coas familias e intervención co contorno, co obxectivo de mellorar dos resultados do centro a través dun conxunto de actuacións que contribúan ao incremento na cantidade e calidade das aprendizaxes e dun cambio global no seu modo de organización e funcionamento.
Na súa visita ao centro, no que estudan 103 alumnas e alumnos, o conselleiro lembrou ademais o compromiso que o departamento que dirixe mantén con este centro, e que se materializou nun investimento superior aos 33.500 euros no que vai de lexislatura, cos que se repararon os dinteis e a instalación eléctrica deste instituto. O centro recibiu ademais da Consellería 4.500 para a mellora dos fondos da súa biblioteca.