Cultura e Educación resolve a falta de prazas do CPI Celso Emilio Ferreiro co traslado de estudantes ao IES Álvaro Cunqueiro de Vigo
O informe de Inspección conclúe que esta decisión permitirá garantir a demanda dos futuros alumnos da zona, tanto en Primaria coma en Secundaria
O informe da Inspección Educativa da Delegación Territorial da Xunta en Vigo confirma que é viable o traslado dos alumnos de Secundaria do CPI Celso Emilio Ferreiro ao IES Álvaro Cunqueiro da cidade olívica, de xeito que permita atender no futuro a demanda de alumnos da zona, tanto en Primaria coma en Secundaria.
Así llo transmitiu esta mañá o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, ao equipo directivo do CPI Celso Emilio Ferreiro, a Anpa do centro, ao profesorado e a Federación Olívica de ANPAS.
Deste informe despréndese que o alumnado da ESO que se atopa neste CPI debe ser trasladado ao IES Álvaro Cunqueiro situado nas inmediacións deste centro, xa que o Celso Emilio Ferreiro se atopa saturado tanto en Primaria coma en Secundaria.
“Tal é a situación que incluso poderíamos atoparnos con complicacións de matrícula no CPI para o próximo curso”, explicou Pérez Ares, quen engadiu que a día de hoxe a situación de saturación do centro “é tal que os desdobres feitos en Primaria tivéronse que realizar en espazos non adecuados do centro, e nós, dende Cultura e Educación estamos convencidos de que isto non garante unha calidade educativa”.
“De non adoptar a medida proposta impediranos ofertar vacantes para o próximo curso, e de cara aos seguintes, ese mesmo problema impediría atender ás necesidades do propio alumnado xa matriculado no centro”, engadiu o xefe territorial.
Tal e como explicou Pérez Ares aos responsables do CPI Celso Emilio Ferreiro, o informe da Inspección atópase apoiada na busca da mellora da calidade educativa, así como no estudo de ofertas de prazas nos próximos anos. “Incluso estudaremos a posibilidade de mellorar espazos neste colexio aproveitando a actual vivenda do conserxe”.
Dende a Xefatura Territorial tamén se deu o visto bó a este informe apoiado no feito de que o IES Álvaro Cunqueiro é un centro de liña 4 que, a día de hoxe, ten espazo suficiente para cubrir todo o actual alumnado de Secundaria do Celso Emilio Ferreiro e para asumir o alumnado futuro que solicite este instituto.
“Deste xeito, o Celso Emilio Ferreiro converteríase nun centro de Educación Primaria no que quedarían espazos máis que suficientes para atender a demanda dos futuros alumnos e da súa zona de influencia”, engadiu César Pérez, quen concluíu insistindo en que “deste xeito os veciños terán garantida a educación Secundaria neste entorno, xa que ambos centros están un a carón do outro, e tamén o comedor, xa que se utilizaría o do Celso Emilio Ferreiro para ambos grupos educativos como xa se fai noutros lugares da provincia”.
Estes cambios inclúense dentro da mellora de zonificación que está a facer a Xefatura Territorial de Educación no concello de Vigo.